O 28º Ourense Film Festival (OUFF), do 29 de setembro ao 8 de outubro de 2023

O Ourense Film Festival (OUFF) prepárase de cara á súa edición número 28. O certame cinematográfico de carácter internacional e competitivo máis lonxevo de Galicia, celebrará edición do 29 de setembro ao 8 de outubro de 2023. Desde a organización do OUFF queren consolidar o público do pasado ano, con máis de nove mil persoas participando nas diferentes actividades propostas polo festival, e afianzarse como un foro cultural “para a defensa, promoción e coñecemento dun audiovisual galego de calidade, persoal e que implique risco e independencia a nivel creativo”. Unha das grandes novidades da edición 2023 é a competición de cinema galego; o pasado ano, ao facer balance dunha edición 2022 exitosa -non só polas cifras de público senón polo nivel da programación e propostas-, foi anunciada esta nova competición oficial de longas galegas.
Do 29 de setembro ao 8 de outubro, quen se achegue a Ourense atopará máis dun plató de cinema e, sobre todo, unha oferta ampla e diversa ao redor da pantalla grande; a 28ª edición do OUFF promete converter un ano máis a cidade das Burgas nun espazo de amor ao cine e apoio á industria. Desde a súa creación en 1996, o Ourense Film Festival (OUFF) é un dos acontecementos máis destacados en Galicia na súa especialidade, coa aspiración histórica de converterse no festival audiovisual da comunidade autónoma. Ao longo da súa traxectoria consolidouse en canto a promover o cinema de autor e ao tempo social, mantendo o seu compromiso de erixirse no punto de encontro anual para os profesionais do sector en Galicia, ao tempo que produce un importante retorno económico para a cidade.
O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo e patrocinado pola Deputación de Ourense