O 28º OUFF lanza a primeira partida de videoxogos

Mostrar o potencial da industria do videoxogo e a súa relación co sector audiovisual motivan á organización do Ourense Film Festival (OUFF) a estrear sección en 2023: OUFF Game Sessions. A aposta do festival ourensán estrutúrase, por unha parte, no Foro “Videoxogos, a nova narrativa audiovisual”, e, por outra, na establecendo catro galardóns dirixidos a estudios e profesionais de Galicia: Mellor Videoxogo -cun premio de 800 euros e trofeo conmemorativo-, Mellor Narrativa, Mellor Arte e Proposta máis Innovadora, con 400 euros e trofeo cada un deles. O domingo 1 de outubro é a data escollida para a estrea desta sección do festival. As bases poden consultarse en ouff.org e o prazo de participación remata o 25 de setembro. A 28ª edición do OUFF terá lugar do 29 de setembro ao 8 de outubro.

Os premios, denominados OUFF Game Awards, teñen como obxectivo visibilizar a creación e consumo dos videoxogos, recoñecendo esta arte dixital como vehículo narrativo efectivo e ferramenta audiovisual de pleno dereito, tal como sinalan as bases dos mesmos. A inscrición no concurso farase no correo ouffgames@gmail.com e a data límite de entrega de propostas será o día luns 25 de setembro ás 23:00 horas. Os estudios e profesionais gañadores anunciaránse o mesmo día 1 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, onde se celebrará a Game Session nº 1 do OUFF.

As bases das OUFF Game Sessións establecen catro premios: Mellor Videoxogo Galego, cun premio de 800 euros e trofeo conmemorativo, e tres galardóns dotados de 400 euros cada un máis trofeo: Mellor Narrativa, Mellor Arte e Proposta máis Innovadora. Entre as condicións e requisitos das bases está que o videoxogo conte alomenos cun participante galego nas fases de creación e desenvolvemento. Así mesmo, as bases sinalan que “o título debe ser xogable, contando, polo menos, cunha pantalla de inicio, unha pantalla onde se amosen os controis, unha pantalla de gameplay e outra de game over. Pode contar con máis pantallas, e está permitido que existan erros ou glitches, pero o título debe amosar unha experiencia de usuario correcta para ser completamente valorado”. Non se aceptarán xogos descatalogados ou sen distribución; tampouco poden superarse os cinco anos desde que se lanzou o xogo. Valorarase o uso do galego, ainda que non é condición obrigatoria nesta primeira edición dos OUFF Game Sessions.

Os premios serán outorgados por un xurado conformado por tres profesionais do mundo do videoxogo galego, audiovisual, medios de comunicación e cultura, que non poderán declarar empates nin categorías desertas. Iso si, poderán facer, ainda sen contía económica, mencións honoríficas para aquelas propostas destacadas. A semana anterior á sesión comunicaranse os finalistas e o mesmo 1 de outubro pola mañá o xurado reunirase para decidir as propostas gañadoras. Os premios serán entregados na gala de clausura do OUFF o sábado 7 de outubro.

Foro videoxogos: talento e narrativa

Antes de celebrar esta Game Session nº 1, o mesmo domingo 1 de outubro terá lugar o foro inaugural no Centro Cultural Marcos Valcárcel baixo o título “Videoxogos, a nova narrativa audiovisual”. Catro profesionais e docentes especialistas en videoxogos participarán neste foro que quer poñer de manifesto o valor destes produtos audiovisuais como medio de expresión artística e como ferramenta audiovisual para transmitir e contar historias. A narrativa é o eixo dun foro que parte do feito de que os videoxogos son os produtos de ocio audiovisual máis consumidos e que servirá tamén como espazo de reflexión e análise sobre a industria en Galicia e o talento local.

A Game Session nº 1 do OUFF está coordinada por David Babarro, graduado en Comunicación Audiovisual e máster en Deseño e Desenvolvemento de Videoxogos, dos que é un apaixonado. O cartel desta nova sección do festival é da autoría de Pablo Ferreira Álvarez, alias “Shehazz” no mundo dos videoxogos, ilustrador dixital e deseñador de Ourense.

Consultas as BASES GAME OUFF AWARDS 2023.