O Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar acolle a proxección da película Os fenómenos de Alfonso Zarauza

  • O director acudiu persoalmente ao centro para presentarlle a súa película aos internos

  • Esta proxección forma parte das iniciativas do OUFF para achegar o mundo do cine ata o centro

Ourense, 25 de setembro – Os internos do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar tamén teñen cabida dentro das actividades que realiza o OUFF (Ourense Film Festival). Dentro da programación da 26 edición, esta mañá asistiron á proxección da película Os fenómenos, de Alfonso Zarauza, un drama social con grandes toques de humor protagonizado por Lola Dueñas e Luis Tosar, que participou no seu momento no Festival de Málaga.

O propio director, acompañado de César Silva, director de programación do OUFF, foi o encargado de presentar o filme aos internos, desvelando o tema principal da película, contándolles algunhas das anécdotas que tivo a rodaxe e contestando ás preguntas dos asistentes, moi interesados en coñecer os entresixos que esconde a dirección dunha película. 

Antes da proxección, o director do centro, Francisco González, quixo “agradecer ao Ourense Film Festival unha vez máis, como en anos anteriores, a colaboración co Centro Penal, para que os internos e internas poidan gozar dunha proxección cinematográfica do OUFF. Así mesmo, o noso agradecemento tamén por achegarse ata este salón de actos ao director Alfonso Zarauza e a César Silva, e compartir esta proxección con todos os internos”.

González destacou que “é obxectivo do Centro Penal posibilitar que se desenvolvan todo tipo de actividades culturais, encamiñadas a fortalecer a reeducación e reinserción social dos internos e internas xa que é o noso principal obxectivo e conseguir con isto que o Centro Penal teña un carácter sempre máis humano. Os internos  e internas non poden estar excluídos da sociedade, polo que é moi importante que poidan ter acceso a estas actividades que axudarán á  resocialización de todos eles”.

Esta actividade consolida a intención do OUFF de espallar o cine por Ourense e de facer algunha actividade paralela durante os días nos que se desenvolve o festival no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar. En edicións anteriores, proxectárase a película Olvido y León de Xavier Bermúdez, coa asistencia do cineasta. O propio director de cine ourensán volveu no 2019 da man do OUFF para impartir en catro xornadas un taller formativo sobre cine aos internos.