O Concurso FAS MUVIS amplía o prazo de inscrición de propostas ata o 20 de setembro

Unha cidade, un equipo, unha idea, un presuposto, unha peli, un premio.

Dirixido a menores de 30 anos co reto de rodar unha peza audiovisual en 48 horas, o concurso FAS MUVIS amplía o seu prazo de admisión de proxectos ata o 20 de setembro ás 20 horas. “FAS MUVIS. Límite 48h” é un concurso promovido polo OUFF (Ourense Film Festival) que busca fomentar a creación audiovisual entre os creadores máis novos incentivándoos a gravar unha peza nun tempo limitado e vinculada coa cidade de Ourense. A convocatoria, que amplía o seu período de inscrición coincidindo co comezo do curso, diríxese a equipos formados por un máximo de 6 membros que non poderán ser maiores de 30 anos; seleccionaranse seis equipos e cada un deles ten un límite de 48.

As bases do FAS MUVIS, proxecto que chega á súa sexta edición, sinalan que se deben destacar algún dos valores arquitectónicos, sociais, históricos, artísticos, etnográficos ou naturais da contorna. Tamén, impactará positivamente a transmisión de valores sociais como a igualdade, non discriminación, integración, etc. O OUFF admite propostas ata o 20 de setembro no correo fasmuvis@gmail.com, a listaxe de proxectos seleccionados farase pública ao día seguinte e os equipos concursantes terán que presentarse na sede do festival, o Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, o día de inicio do OUFF, o 29 de setembro.

Tras gravar durante dous días, os equipos disporán de 96 horas para a montaxe, dende o domingo 1 de outubro ata o xoves 5 de outubro. O Concurso FAS MUVIS está dotado cun primeiro premio de 600€ e un segundo de 300€; o sábado 7 de outubro, na sesión de clausura do OUFF, o Xurado outorgará os premios aos gañadores e proxectaranse as obras premiadas, que deben ter unha duración mínima de tres minutos e máxima de dez.

Queres ver os traballos realizados en edicións anteriores?
PREME AQUÍ