O deseñador de son hispano-arxentino Carlos Faruolo recibirá o Premio Especial do 27º OUFF

O deseñador de son hispano-arxentino Carlos Faruolo Ángelo (Buenos Aires, Arxentina, 1952) recibirá o Premio Especial do 27º Festival Internacional de Cinema de Ourense – OUFF, que se celebrará entre o 27 de setembro e o 1 de outubro deste ano. O festival recoñece así o traballo dun profesional que conta con máis de 200 películas no seu haber, e que está vinculado a Galicia desde que, hai máis de dúas décadas, participou na película Sei quen es de Patricia Ferreira (2000). A este traballo galego seguíronlle as longametraxes de animación O bosque animado (2001) e O soño dunha noite de san Xoán (2005) de Ángel de la Cruz e Manolo Gómez. Ademais, en 2008 obtivo o Premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual ao mellor son por Os mortos van ás présas de Ángel de la Cruz, repetindo ao ano seguinte co Mestre Mateo ao mellor son por Celda 211 (Daniel Monzón). Tamén traballou en series galegas de televisión como Al final del camino (2017) e Néboa (2020), ambas as de Voz Audiovisual para TVG e TVE.

“A miña relación con Galicia vén de moitos anos atrás, unha relación tanto profesional como persoal —pois durante moito tempo foi o meu destino preferido en épocas de descanso—, por iso cando recibín a noticia de que o Festival de Ourense me concedera o Premio Especial do 27º OUFF, ademais da evidente sorpresa inicial, embargoume inmediatamente unha profunda emoción, xa que recibir este galardón é toda unha honra e un privilexio para min e, ao mesmo tempo, supón o recoñecemento de ser un membro máis da gran familia do audiovisual galego que tan ben me acolleu sempre. Un broche perfecto a tantos anos de oficio”, declara o propio Faruolo.

Cabe destacar que, ademais, traballou habitualmente en son con directores como Carlos Saura, Jaime Chávarri, Pilar Távora, Mario Camus, Manuel Gutiérrez Aragón, Jaime Camino, Vicente Aranda, Miguel Hermoso, Benito Zambrano, Ricardo Franco, Pilar Miró, Manuel Gómez Pereira, Daniel Monzón, José Luis Cuerda, Ángel de la Cruz, Pedro Olea, Daniel Sánchez Arévalo e outros moitos.

Carlos Faruolo. Traxectoria

Faruolo empezou a traballar en son para o cinema nos laboratorios arxentinos Phonalex en 1970, onde participou en gravación de dobraxe, efectos de sala e mesturas de son e música. A súa primeira película foi Nazareno Cruz y el lobo de Leonardo Favio (1974). De 1974 a 1981 traballou no cinema e a televisión de Arxentina, colaborando con directores como o mencionado Leonardo Favio, Raúl de la Torre ou Sergio Renán, co que traballou na película La tregua (1974), a primeira longametraxe arxentina finalista nos premio Óscar na categoría de Mellor Película en Lingua estranxeira.

Paralelamente, entre 1977 e 1981 foi técnico de son e mesturas do grupo humorístico-musical Les Luthiers. En 1982 estableceuse en España e comezou a destacar polo seu traballo en Carmen de Carlos Saura (1983), pola que ao ano seguinte mesmo recibe a candidatura ao Bafta británico ao mellor son. Despois veñen outras prestixiosas películas como Las bicicletas son para el verano (Jaime Chávarri) e Los santos inocentes (Mario Camus), ambas as estreadas en 1984. 

En 1989 recibiu o Goya ao mellor son polo seu traballo en Berlín Blues de Ricardo Franco, e volveríao recibir en 1998 polo seu traballo en Tango de Carlos Saura e en 2009 por Celda 211 de Daniel Monzón. Tamén foi finalista ao Goya noutras 13 ocasións: en 1986 por El hermano bastardo de Dios, en 1987 por El pecador impecable, en 1989 por La noche oscura e Amanece que no es poco, en 1991 por Beltenebros, en 1993 por El pájaro de la felicidad, en 1995 por Boca a boca, el 1996 por Libertarias y El perro del hortelano, en 1999 por Solas e Goya en Burdeos, en 2007 por Las 13 rosas, en 2013 por La gran familia española.

A nivel internacional, ademais da candidatura ao Bafta, no ano 2000 obtivo o premio ao mellor son no Festival Internacional de Cinema da Habana por Un paraíso bajo las estrellas de Gerardo Chijona.