O director, guionista e novelista Manuel Gutiérrez Aragón, Premio Especial OUFF 2023

Director de títulos tan emblemáticos como necesarios para entender os cambios sociais na España do último cuarto do século vinte; guionista brillante para sí e para outros; novelista de éxito na etapa actual como creador, que se engade á súa condición de membro da Real Academia Española. Manuel Gutierrez Aragón (Torrelavega, Cantabria, 1942) recibirá o Premio Especial OUFF 2023; a organización do festival destaca a súa contribución á cinematografía española do último medio século, así como a súa sensibilidade literaria e ser un dos autores máis recoñecidos da súa xeración no plano internacional. Cimentaron o seu prestixio películas como “Habla Mudita” (1973), “Sonámbulos” (1978), “El corazón del bosque” (1979), “Demonios en el jardín” (1982) ou “La mitad del cielo” (1986), entre outros títulos, así como a súa celebrada miniserie “El Quijote de Miguel de Cervantes” (1991) para TVE, e a longametraxe “El caballero Don Quijote” (2002). A maiores, rodou en Galicia “El rey del río” (1995) e dirixiu os actores galegos Luis Tosar e Celso Bugallo en “La vida que te espera” (2004), coproducida por TVG e a galega Continental. Foi tamén coguionista da serie “Los pazos de Ulloa” (1985), de Gonzalo Suárez. O 28º OUFF (Ourense Film Festival), que irá revelando programación e galardóns durante as próximas semanas, desenvólvese do 29 de setembro ao 8 de outubro.

O Premio Especial OUFF recoñece a figuras cunha traxectoria relevante no mundo do cinema español, nos seus diferentes oficios e facetas; recibiron o premio de honra do festival, ao longo da súa historia en diferentes modalidades, directores como Elias Querejeta, Gonzalo Suárez, Emilio Martínez Lázaro, Jaime Chávarri ou Moncho Armendariz, o produtor Eloy Lozano -impulsor do festival-, escritores como Camilo José Cela e Carlos Casares, distribuidores como Emilio Baños, actores como Imanol Arias ou Juan Diego, o compositor Sergio Moure de Oteyza e, na última edición, o deseñador de son Carlos Faruolo. O galardón está concebido para recoñecer e homenaxear os diferentes perfís creativos e profesionais con cabida na industria cinematográfica.

Gutiérrez Aragón realizou estudos de Filosofía e Letras na Universidad Complutense de Madrid e no ano 1970 gradúase como realizador na Escuela Oficial de Cinematografía de Madrid. Cineasta fundamental para entender os anos da transición, defende que o cinema tivo unha grande influencia no cambio de costumes sociais. A súa primeira película cono director foi “Habla, mudita”, realizada en 1973 e coa que obtivo o Premio da Crítica do Festival Internacional de Cine de Berlín. Despois chegarían títulos como “Camada negra”, de 1977, que gañou o Oso de Prata en Berlín e “Sonámbulos” (1978), que obtivo a Concha de Prata ao mellor director do Festival Internacional de Cine de San Sebastián. O certame donostiarra sería talismán nos seguintes anos: con “Demonios en el jardín”(1982) obtivo a Concha de Ouro á mellor película -ademais do Premio da Crítica no Festival de Moscú, o Premio Donatello da Academia de Cine italiano e o Fotograma de Prata á mellor película española)- e con “La mitad del cielo” (1986), repetiu Concha de Ouro ao mellor filme en San Sebastián.

“La noche más hermosa” (1984), “El rey del río” (1995), “La vida que te espera” (2004) ou “Todos estamos invitados” (2007), que obtivo o Premio Especial do Xurado do Festival de Cine Español de Málaga, son outros dos seus grandes títulos como director. No seu haber, tamén dúas películas rodadas en Cuba: “Cosas que dejé en La Habana”, de 1997, e “Una rosa de Francia”, de 2005. Exerceu de guionista en obras doutros directores como José Luis Borau, José Luis García Sánchez, Jaime Camino ou Gracia Querejeta.

No capítulo de distincións e premios, Manuel Gutiérrez Aragón recibiu, entre outras, o Premio Nacional de Cinematografía (2004), a Medalla de Ouro da Academia de Cine de España (2013) e a Medalla ao Mérito das Belas Artes (2013). As súas incursións en televisión tampouco pasaron desapercibidas: realiza en 1991 a serie sobre o Quixote para RTVE, con Fernando Rey e Alfredo Landa nos papeis protagonistas, e estrea 11 anos máis tarde outro proxecto televisivo ao redor da obra de Cervantes titulado “El caballero Don Quijote”, esta vez con Juan Luis Galiardo e Carlos Iglesias na pel do fidalgo e do escudeiro respectivamente

Literatura, unha segunda vida creativa

Ao apartarse do cinema, Manuel Gutiérrez Aragón descúbrese como novelista, e no ano 2009, con La vida antes de marzo, gaña o Premio Herralde de Novela. A súa dedicación á literatura produce títulos como Gloria mía, (2012), Cuando el frío llegue al corazón (2013), El ojo del cielo (2018) Rodaje, (2021) e só hai uns meses, publica o volume de relatos Oriente; todos os seus títulos están publicados por Anagrama. En 2016 Manuel Gutiérrez Aragón ingresa na Real Academia de la Lengua (RAE) ocupando a cadeira que deixara vacante José Luis Sampedro; ese mesmo ano é distinguido co Premio Muñoz Suay, outorgado pola Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España como recoñecemento ao seu libro A los actores (Anagrama, 2015).

O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo e patrocinado pola Deputación de Ourense.

Foto Manuel Gutiérrez Aragón: RAE