O segundo título español na sección oficial internacional do 28º OUFF, ademais de Un amor de Isabel Coixet, é Honeymoon, do director Enrique Otero, que tamén compite na sección galega, e que estivo representado polo seu equipo no luns 2 de outubro. Na mañá, o director Enrique Otero e o actor protagonista Javier Gutierrez presentaron esta historia dun matrimonio en destrución no cárcere de Pereiro de Aguiar cos internos como un dos primeiros públicos da película. Xa na tardiña, sumándose Antonio Durán “Morris”, fixérono nos cines Ponte Vella onde mantiveron un coloquio co público. O luns tamén foi día de deliberacións, desta volta para o OUFF en Curto coa reunión do xurado formado por Ledicia Bellón, Mamen Casal e Adriana Páramo.
Durante o luns 2 o público de Ourense puido ver catro filmes en competición na sección oficial Panorama Galicia: ademais de Honeymoon, Florencio na terra (2023), de Domingo D. Docampo, que narra a fuxida do escritor Florencio Delgado Gurriarán ao comezo da Guerra Civil; A espada de Mouruás (2023), documental coa dirección da actriz Lucía Álvarez e estrea absoluta no OUFF; O camiño de Ramón Chao. Trala pista de Prisciliano (2023), co percorrido que realizou coa súa moto o xornalista e escritor Ramón Chao por diversos lugares de Europa no anos noventa e que contou no pase do luns 2 coa presenza do seu director, Aser Álvarez.
Tamén arrancaba no primeiro día da semana o ciclo Inédito en Ourense, co foco nas mulleres directoras, con títulos como 20.000 especies de abejas, de Estibaliz Urresola, Creatura, de Elena Martín, e Secaderos, de Rocío Mesa.
Diario Cultural da Radio Galega ao vivo
Na xornada do luns 2, tamén o Centro Cultural Marcos Valcárcel, sede do festival, acolleu a emisión ao vivo do Diario Cultural da Radio Galega. No programa participaron algúns dos protagonistas desta 28ª edición do Ourense Film Festival (OUFF) como Enrique Otero e Javier Gutiérrez, director e protagonista respectivamente de Honeymoon, Lila Avilés, directora de Tótem, película que compite na Sección Oficial Internacional, Chema Prado, pola súa exposición fotográfica “Series”, Laura Guizán, unha das coordinadoras da sección OUFF en Curto, e Santos Díaz, director de Din que non falan, curta en competición.