O Festival de Cine de Ourense selecciona 15 películas para participar na súa sección OUFF en Curto. Nesta 27º edición do festival, ademais de garantir unha excelente calidade técnica e artística, o equipo engargado de conformar a selección desta parte da programación -formado por Ricardo Araújo e Laura Guizán- buscou acadar profundidade narrativa, innovación, experimentación, a presenza dun estilo propio e intencionalidade. Algo que, sen dúbida, conseguen as pezas de ficción seleccionadas: Sycorax de Lois Patiño e Matías Piñeiro; Rompente, de Eloy Domínguez Serén; Dúas cores, de Cristina Yáñez; Así vendrá la noche, de Ángel Santos; La entrega, de Pedro Díaz; Amanezca, de Lucía Álvarez; Sauerdogs, de Guillermo de Oliveira; Nido, de Alejandro Rodríguez; Devoradora de nenos, de Fran X Rodríguez; y Aura, de The Also Sisters.
Na selección das curtametraxes documentais do OUFF priman nesta edición as propostas daquelas autoras cuxo obxectivo pasa por “falar do que habitualmente non se fala ou do que se fala poco” e de realidades que as veces doen, confunden ou intrigan. O público poderá ver nesta ocasión Anatomía dunha serea, de Adriana Páramo; Nun tempo de horta, de Carmen PG Granxeiro; O que queda, de Alejandro Rodríguez; A cinquito, con derecho a tocar, de NUCBEADE; e El amargo sabor de las naranjas, de Coral Piñeiro, Sara Pisos, Laura Piñeiro, Francisco Rodríguez Casal Antonio Grunfeld.
Xurado e premios
O OUFF ten entre os seus obxectivos estimular a curtametraxe en Galicia como expresión básica da creación audiovisual, polo que tamén opta ao seu propio concurso este formato, con xénero e temática libre. Contando cun incremento considerable das contías dos premios nesta sección, un xurado formado pola realizadora Noemí Chantada, a produtora Laura Doval e a actriz Lidia Veiga, entregará os seguintes premios: Mellor curtametraxe de ficción (2.500€), Mellor curtametraxe documental (2.000 €). Ademais contarase tamén co Premio do público (500€) e dous premios AISGE, un a mellor actor e outro a mellor actriz.