O Festival de Ourense celebra o centenario de Nosferatu cun espectáculo no que se pasará o filme e se recreará en directo a música orixinal

O Festival de Cine de Ourense, que se celebrará entre os próximos 23 de setembro e 1 de outubro, festexa os cen anos do Nosferatu de F. W. Murnau, acompañando a proxección da película (na súa orixe, muda) da interpretación de parte da súa partitura orixinal. Na década dos anos vinte, na que se estreou a película, moitas das grandes producións cinematográficas estaban acompañadas dunha elaborada partitura que era interpretada nos cinemas por unha orquestra sinfónica. A música de acompañamento ardquirira gran importancia e mesmo podía determinar o éxito dun filme. 

Aproveitando o centenario deste clásico cinematográfico, o OUFF faralle unha homenaxe ao filme pioneiro do cine de vampiros cun pase de Nosferatu, un clásico do xénero de terror baseado na novela de Bram Stoker, Drácula. Na película, o axente inmobiliario Hutter viaxa a Transilvania para vender unha casa da súa cidade natal, Wisborg, ao misterioro Conde Orlok. O comprador resulta ser un vampiro interesado non só nunha nova residencia, senón tamén nunha nova presa. 

Todo contará coa música orixinal do filme, composta por Hans Erdmann, cos arranxos e interpolacións de Humberto Armas e interpretada por Ensemble OU Camera Obscura -con integrantes da Real Filharmonía de Galicia e da Orquestra Sinfónica de Galicia-. O proxecto é unha produción do Festival Internacional de Cinema de Las Palmas de Gran Canaria, en colaboración co International Bach Festival adaptado e coordinado para o OUFF por Noemí Salomón.

“Da música orixinal consérvanse 40 minutos nos cales aparecen os Leit Motivs que representan distintas emocións. Pero o interesante desta proposta é que se incorporan temas propios de Humberto Armas, misturados cos Leit Motivs, e outros de grandes compositores como Puccini, Mozart, Beethoven, Wagner, Verdi… tal e como se facía nos comezos do cinema silente”, di Noemí Salomón.

As entradas para asistir á proxección, que terá lugar o 25 de setembro ás 19h30 no Auditorio Municipal de Ourense, xa se poden adquirir a través de ataquilla.com.

Proxeccións con música en directo

Esta non será a única proxección desta edición do festival que contará con música en directo: o OUFF acollerá a estrea da reconstrucción que Pepe Coira está a facer sobre Canto de emigración (1934), o desaparecido filme de Antonio Román. Será nun evento que no que a se interpretará en directo esa BSO do filme (de Teódulo Páramos) e, sincronizada con ela, unha proxección que conterá o argumento e imaxes. Isto dará boa conta da idea de como era Canto de emigración narrativa e visualmente, usando tanto os fotogramas que se conservan coma planos procedentes doutras películas e que encaixan co que o propio Román fixo no seu día.