‘O home e o can’, o último filme de Ángel de la Cruz, terá a súa estrea mundial no OUFF

O Festival de Cine de Ourense, que terá lugar entre o 23 de setembro e o 1 de outubro de 2022, acollerá a estrea de O home e o can, o último filme de Ángel de la Cruz. Confirmárono na proxección privada dun avance do filme no Teatro Principal da cidade ao que asistiron parte do equipo técnico e artístico do filme, entre eles as actrices Estíbaliz Veiga e Paula Chaves e o compositor da banda sonora, o ourensán Jaime Fernández. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, expresou a súa satisfacción por ver a Ourense como “un protagonista máis” da película, ao tempo que subliñou o traballo que se está a facer desde a Deputación para consolidar un espazo de cinema “co festival de Galicia e o máis importante do noroeste da península”. 

Ángel de la Cruz, que está a realizar os últimos retoques á cinta antes da súa estrea nesta 27ª edición do OUFF, tamén quixo destacar o papel que Ourense xoga na película, pois “as propias localizacións son parte protagonista da historia”. O director afirmou estar “encantado pola acollida que tivemos entre os veciños dos lugares onde rodamos”.

Unha película rodada integramente en Ourense

O home e o can foi rodada integramente na provincia de Ourense, en localizacións de San Cristovo de Cea, Ourense e San Cibrao das Viñas. A película, protagonizada por Manuel Manquiña, é unha homenaxe ao neorrealismo -gravouse en branco e negro-, con forma dun drama arredor da soidade dos maiores e a crise demográfica do rural.

Manuel é un sexaxenario coas súas capacidades intelectuais mermadas ao nacer, vive nunha esquecida aldea galega, da que non lembra ausentarse nunca, á beira do seu inseparable can. Falecida a súa nai convértese no último habitante do pobo e quizá tamén el chegaría a morrer alí sen saír nunca da aldea se non fose porque o seu can se accidenta e decide buscar axuda para tentar salvalo penetrándose no descoñecido mundo da cidade, un auténtico “territorio comanche” para el. Desgraciadamente, un veterinario infórmao de que as feridas do seu can non ten solución e é mellor sacrificalo. Pero cando van proceder, o animal asústase e foxe perdéndose na inmensidade descoñecida da metrópole. Na procura desesperada do seu compañeiro, Manuel coñece a Paula, unha menor de idade que provén dunha familia desestructurada que pasou a vida en fogares de acollida e foxe da súa vida anhelando a súa liberdade. Xuntos iniciarán a procura do animal que enseguida se transforma nunha investigación para atopar a Marta, a filla de Manuel, cando pescudan que non falecera de nena como lle dicía a súa familia, senón que lla arrebataron para ser dada en adopción a unha familia con máis recursos.