O OUFF acollerá a estrea da reconstrucción que Pepe Coira está a facer sobre “Canto de emigración” (1934), o desaparecido filme de Antonio Román

O Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), que se celebará entre os próximos 23 de setembro e 1 de outubro, acollerá a estrea da reconstrucción que o cineasta Pepe Coira está a levar a cabo do desaparecido filme de Antonio Román “Canto de emigración (Romance en imágenes sobre motivos gallegos)” (1934), unha película curta que foi recibida na súa época coma un dos raros exemplos de cine de vangarda en España e da que hoxe non existe ningunha copia.

A rodaxe de Canto de emigración levouse a cabo en 1934 a poucos quilómetros de Ourense, en Coles, Ribela, Malvedo… e na propia capital da provincia. O protagonista da película foi o actor ourensán Celso Madriñán, que practicaba teatro afeccionado e a quen Román elixiu pola súa apariencia física —era delgado e podía facer de home emigrado que volve enfermo— e a súa expresión de tristura natural. O resto dos personaxes foron interpretados por algúns veciños e veciñas de Coles, a maioría labregos, e a música para o filme estaba composta por Teódulo Páramos.

A película, inspirada nun debuxo de Castelao sobre o drama da emigración, conta a historia dun campesiño galego que, tras experimentar a vida da aldea, marcha a América a buscar fortuna e regresa pobre e enfermo. Cunha duración aproximada de vinte minutos, a película é moi propia da época, concíbese coma “cine puro”, ao xeito da Romanza sentimental de Eisenstein, unha obra cunha coidada estética visual combinada cunha música composta ad hoc e que cubre a totalidade do filme. 

Como se fará a reconstrucción? Unha das actividades especiais do OUFF

Xa que falamos dun filme desaparecido na actualidade, Pepe Coira reconstruirá “Canto de emigración” mediante os materiais que quedan da película. Non se trata dunha restauración ou dunha versión da película, senón dun traballo que permitirá que o espectador imaxine algo que hoxe está perdido.

Aínda que non se conserven copias do filme, si se conservan unha serie de elementos que fan posible imaxinar como foi. Un deles é o seu guión, un texto que Antonio Román escribiu para unha revista de cine no que detalla, secuencia a secuencia, e cunha linguaxe poética, o contido da película. Tamén se conservan unha serie de fotografías: imaxes da rodaxe, grazas ás que podemos saber como estaba caracterizado o protagonista, ese home que regresa de América enfermo. Fotos, ata agora descoñecidas, que conserva a familia de Celso Madriñán, o actor protagonista.

Sobre a música da película, neta de Teódulo Páramos, profesora de piano no Conservatorio de Vigo e violinista na Orquesta Clásica de Vigo, conserva a partitura orixinal que seu avó compuxera para a película de Román.

Coira fiará á perfección todos estes elementos, que confluirán nun evento que terá lugar no 27º Festival Internacional e Cine de Ourense no que a se interpretará en directo esa BSO de Teódulo Páramos e, sincronizada con ela, unha proxección que conterá o argumento e imaxes. Isto dará boa conta da idea de como era Canto de emigración narrativa e visualmente, usando tanto os fotogramas que se conservan coma planos procedentes doutras películas e que encaixan co que o propio Román fixo no seu día.

 

Antonio Román. Quen é?

Antonio Román (Ourense, 1911-Madrid, 1989) foi un dos grandes directores do cine español da posguerra, cunha carreira que se desenvolveu na longametraxe desde 1941 a 1969, pero antes, no tempo da República, formou parte da que os historiadores de cine galego chaman Escola Documentalista Ourensán, da que formou parte xunto a Xosé Suárez e Carlos Velo. Primeiramente crítico de cine en Madrid e tamén curtametraxista, Román é autor dun dos filmes mellor valorados na patrimonialmente minguada cinematografía galega, a curta antropolóxica El hombre y el carro rodada en 1940, que en 1980 restaurou o cineasta ourensán Eloy Lozano, mudando á versión galega con voz de Xaquín Lourenzo Xocas, que colaborara na rodaxe con Román como especialista etnográfico.