O OUFF acollerá o festival “Ourense pola paz” con artistas como Xoel López, Habitación Vudú, Extrema Urgencia, Cómplices, Javier Gurruchaga e Javier Parisi

A 27ª edición do Festival de Cine de Ourense, que se celebrará entre os próximos 23 de setembro e 1 de outubro, celebrará un evento especial a favor da concordia entre pobos que levará por nome festival “Ourense pola paz”. Nel estrearase en primicia o videoclip “Dejemos sitio a la paz”, un traballo inspirado na recreación da escena da cama na que John Lennon e Yoko Ono se pecharon en favor da paz en plena Guerra de Vietnam (1969). 

Co gallo da exposición “Ao redor do Universo Beatles” que na pasada primavera organizou a  Deputación de Ourense a través da ICC Week 2022, xurdiu a idea, polos tempos de violencia e guerra que vivimos actualmente, de realizar un vídeo reproducindo as escenas gravadas naquel entón, pero esta vez adaptado aos aires galaicos achegados, entre outros, pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. A dirección deste vídeo correu a cargo de Chema Ríos contando coa produción musical de Juan de Dios Martín, a montaxe de Raúl Lorenzo, con Mey Ayala e Javier Parisi como principais protagonistas acompañados por un grupo de entusiastas amigos.

Todo terá lugar no marco da recreación da celebración dun concerto similar ao celebrado pola Paz por Jonh Lennon e Yoko Ono en 1969, no que estiveron acompañados entre outros por Eric Clapton, George Harrison e Bo Biddley. Nesta ocasión contaremos con músicos e bandas como Habitación Vudú, Extrema Urgencia, Cómplices, Javier Gurruchaga, Javier Parisi e Xoel López, ecoa colaboración da actriz Ledicia Sola no papel de condutora deste festival.

As entradas para asistir a este “Festival Ourense pola paz” que se celebrará no marco do OUFF e se celebrará o próximo 29 de setembro xa están á venda en ataquilla.com.