O OUFF dedicaralle un ciclo ao multipremiado cineasta mexicano Nicolás Echevarría

O Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) desvela hoxe parte do contido da súa programación para a próxima edición, que se celebrará entre o 23 e setembro e o 1 de outubro, contando coa visita do músico, pintor, produtor, guionista, fotógrafo e documentalista mexicano Nicolás Echevarría. O creador, que conta na súa traxectoria como cineasta con documentais, series de televisión, curtametraxes documentais e longametraxes, será o protagonista dun ciclo que xirará arredor da súa obra cinematográfica. 

Deste xeito o Festival Internacional de Cine de Ourense proxectará algúns dos seus filmes como Teshuinada, Semana Santa Tarahumara (1979), polo que foi recoñecido pola Academia Mexicana de Artes e Ciencias Cinematográficas co Ariel de Plata ao Mellor Documental. Tamén se poderá ver neste OUFF Poetas campesinos (1980) e Niño Fidencio, el taumaturgo de Espinazo (1981), que supuxeron que fose finalista en diversas categorías dos mesmos premios; e María Sabina, Mujer Espíritu (1979), que se atopa enmarcado nos seus primeiros documentais relacionados co mundo indíxena.

En 1991 filmou Cabeza de Vaca, a súa primeira longametraxe de acción, escrita en colaboración con Guillermo Sheridan, baseado en Naufraxios, libro de crónicas escrito por Alvar Núñez Cabeza de Vaca, merecéndolle ser finalista de novo ao Ariel na categoría de Mellor Ópera Prima. A cinta, que tamén terá o seu pase en Ourense, representou a México no Festival de Berlín e nos Premios da Academia de Hollywood; formou parte de New Films, New Directors do Museo de Arte Moderna de Nova York (MOMA) e gañou o primeiro premio Makhila d’Or, no Festival de Biarritz, Francia, así como o premio como Mellor Película na Mostra de Cinema, en Guadalaxara.

Como broche final do ciclo pasarase Eco de la Montaña (2014), que inaugurou a sección oficial Native no Festival de Berlín e gañou o Premio como Mellor Documental nos festivais: Chicago International Film Festival; Festival Internacional de Cinema de Lima; RAI International Festival of Ethnographic Films, Watershed, Bristol; Film Festival della Lessina, Italia; Festival Internacional de Cinema en Guadalaxara e Docs DF.

Alén disto, Echevarría ostenta o Premio Nacional de Ciencias e Artes de México na categoría de Bellas Artes (2017) e actualmente rexenta o posto de presidente do taller “Carlos Velo – UNAM”, que a Universidade Autónoma de México puxo en marcha en colaboración co OUFF e a Fundación Carlos Velo coa finalidade de apoiar a novos realizadores españoles e mexicanos que levasen a cabo obras de non ficción.