O OUFF homenaxea aos profesionais da dirección en Galicia nunha exposición con retratos de máis de medio centenar de cineastas

A fin de ir abrindo o velo da 27ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, que se celebrará entre o 23 de setembro e o 1 de outubro, unha inédita exposición de fotografía abrirá este luns 19 a programación paralela do mesmo. Trátase de “Manual de dirección. Cineastas de Galicia” da autoría do fotógrafo ourensán Xulio Gil, que consta de 52 grandes retratos dos principais directores e directoras de cine que desde hai máis de 30 anos protagonizan o mundo da creación cinematográfica en Galicia.

A organización do OUFF desenvolve con este proxecto expositivo un programa de investigación da Fundación Carlos Velo desde o que se trata de seguir e fixar a obra tanto dos pioneiros da dirección como das últimas xeracións de cineastas galegas. Unha homenaxe visual que comeza con aqueles que a finais dos anos 80 apostaron polo cine no noso idioma e que remata cos homes e mulleres que representan tanto ás últimas tendencias e xéneros, pasando polo singular panorama do Novo Cinema Galego. Miguel Anxo Fernández, director do festival, destaca que este proxecto e a conseguinte mostra “é totalmente novidoso no panorama dos festivais de cine que se realizan en España e que polo seu valor simbólico terá continuidade no tempo”.

Xulio Gil asumiu o proxecto deseñado por Xosé Enrique Acuña, comisario desta exposición do OUFF, cun entusiasmo que el relaciona “no claro achegamento que existe entre a linguaxe do cine e o da fotografía”. Gil cualifica o seu traballo “como un exercicio para plasmar nos seus retratos individuais de creadores cinematográficos centos de sensacións que ao longo da súa vida acumulou desde a maxia da gran pantalla”.

As caras do audiovisual galego

Entre as cincuenta e dúas persoas retratadas, todos autores e autoras con longametraxes no seu haber, atópanse rostros tan coñecidos como Oliver Laxe, Ángel de la Cruz, Dani de la Torre, Jorge Coira, Juan Pinzás, Xavier Villaverde, Margarita Ledo Andión, Paula Cons, Alexia Muíños ou Chelo Loureiro que, con traxectorias e idades diferentes, acumulan títulos, estreas e premios. Tamén se aporta unha pequena sección titulada “No manual da memoria” que se articula por parte de Gil como unha merecida lembranza a directores xa desaparecidos, caso dos inesquecibles Chano Piñeiro e Eloy Lozano.

O comisario da exposición Xosé Enrique Acuña entende que este programa da Fundación Carlos Velo que agora a xeito de exposición se presenta no OUFF demostra a consolidación e máis o enorme avance que nas últimas tres décadas viviu e está a vivir o panorama da dirección en Galicia que, subliña, “mereceu xa non poucos Goyas, retrospectivas, publicacións monográficas e premios en festivais como Cannes, Locarno, Donosti ou Karlovy Vary. Era xa o momento dunha homenaxe reivindicativa”.

Xulio Gil, contrastado referente da fotografía galega contemporánea e cunha longa traxectoria artística, retratou a este máis de medio cento de cineastas con obxectos ou sinais dos seus propios filmes que, segundo afirma o comisario Xosé Enrique Acuña “lles serve para transmitir unha mensaxe, subxectiva ou directa, dun particular modo de afrontar o seu universo fílmico” . 

A inauguración de “Manual de dirección. Cineastas de Galicia”, exposición na que desde ela, insiste Acuña, “as mulleres directoras xa teñen unha presenza significativa que se ve claramente reflectida nesta ampla serie de retratos”, terá lugar este luns 19 de setembro ás 20h00 e poderá visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel durante todo o OUFF. Con esta exposición o OUFF e a Fundación Carlos Velo insisten nunha liña de produción propia para o festival que busca expandir o seu universo máis alá da duración do propio evento e dentro do seu contrastado labor difusor da cultura cinematográfica galega.