Arranca o Concurso de Escaparates e Ambientación do 28º OUFF (Ourense Film Festival) en colaboración co Centro Comercial Aberto Ourense Centro. A presenza do cinema e do festival en toda a cidade a través de establecementos comerciais e hostalería durante os días previos e a celebración do OUFF, do 29 de setembro ao 8 de outubro, acada este ano un novo impulso coa posta en marcha dun concurso con dúas categorías: escaparatismo e ambientación. A iniciativa foi presentada na mañá do venres 15 por Aurelio Gómez Villar, coordinador xeral do Ourense Film Festival (OUFF) e Luis Rivera Fernández, presidente do Centro Comercial Aberto Ourense Centro. Poderán participar todos aqueles establecementos comerciais e hostaleiros do centro da cidade de Ourense que realicen un escaparate ou ambientación do local, con unha temática relativa ao cine. As inscricións, ata o 20 de setembro no correo info@ourensecca.com e o día tope para que a decoración estea realizada, o 25 de setembro.
O concurso de escaparates e ambientación do 28º OUFF , ten triple obxectivo: dar visibilidade ao comercio local, á hostalería e á nova edición do festival de cine entre a veciñanza e os visitantes da cidade. Desde o Centro Comercial Aberto Ourense formúlanse como misión facer que o cine estea presente no día a dia da cidade, durante os días previos e os propios días nos que terá lugar esta nova edición do OUFF. Haberá dúas categorías: Concurso de Escaparates e Concurso de Ambientación de establecementos. Para cada unha delas tres premios: o primeiro, pase para asistir á SEMINCI (Semana internacional de cine de Valladolid) con entrada ao festival, aloxamento para dúas persoas dunha noite en hotel de 4 estrelas en réxime de media pensión; o segundo premio, unha fin de semana nun dos hoteis da cadena Caldaria, para dúas persoas con circuíto de spa e cea; o terceiro premio consiste nunha “Cea de Cine” para dúas persoas nun restaurante de Ourense previamente concertado.
O xurado estará composto por un representante do Centro Comercial Aberto de Ourense, un representante do OUFF e un escaparatista ou interiorista profesional. Un xurado que visitará de maneira anónima os diferentes establecementos os días 25 e 26 de setembro. Algúns dos criterios que se manexarán para puntuar son a composición e o deseño, calidade e e harmonía, iluminación, creatividade e orixinalidade e ser socio do Centro Comercial Aberto Ourense Centro. As bases poden consultarse en ouff.org e na web do Centro Comercial Aberto Ourense Centro. O acto de entrega de premios farase o día 28 de setembro na sala de prensa do OUFF. Todos os establecementos inscritos, premiados ou non, terán como agasallo pases para os films de cinema familiar e entradas para as galas inaugural e de clausura deste 28º OUFF.