Ourense é terra de cinema. Non hai máis que ver os filmes que pasaron pola 28º edición do Ourense Film Festival para comprobar que as súas paisaxes e vilas son fonte de inspiración para grandes creadores. Isto non é novo, por iso dende o OUFF procuran reivindicar os lugares que nos seus días acolleron rodaxes que pasaron á historia. Como parte do obxectivo de difundir e potenciar os espazos ourensáns o OUFF, fai escolla dos lugares da provincia onde pousaron as cámaras ao longo da historia do cine. Nesta ocasión lembraron Cotolay, o filme de José Antonio Nieves Conde que conta con Melón ou Ribadavia como escenario de moitos momentos.
O equipo do OUFF, presidido polo director Miguel Anxo Fernández e o coordinador, Aurelio Gómez, visitaron o venres Ribadavia, para reivindicar a rodaxe de Cotolay en 1964. Nese verán, numerosos lugares de Galicia (Cernadas, Santiago de Compostela, Bandeira, Carboeiro, Lérez, Merza, Pontevedra, Ribadavia, Astureses…) escolléronse para a filmación de Cotolay, en particular Melón (Ourense), onde o gran decorador español Enrique Alarcón levantou durante as semanas previas á rodaxe, a escala case real (na chaira do seu antigo mosteiro) a fachada da catedral románica de Santiago de Compostela. A cámara de Nieves Conde tamén percorreu lugares do casco histórico de Ribadavia, en particular o seu Barrio Xudeu como roteiro imaxinario dos tres frades protagonistas, camiño da tumba do Apóstolo. Durante o acto descubriuse un cartaz informativo sobre ese fito e o filme proxectouse esa mesma tarde no Museo, para que toda a veciñanza gozara do seu patrimonio levado ao cine.