O Ourense Film Festival, que entregará máis de 52.000 € en premios, abre a convocatoria de recepción de obras da súa 27ª edición

  • As persoas interesadas poden inscribir ata o 15 de xullo as súas longametraxes de todos os xéneros e procedencias ou as súas curtametraxes, nesta ocasión, de calquera xénero pero procedencia galega.

  • A 27ª edición do Ourense Film Festival celebrarase entre os próximos 23 de setembro e 1 de outubro.

O Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) conta xa co prazo de inscrición de obras aberto para a súa 27ª edición, que se celebrará entre os próximos 23 de setembro e 1 de outubro. As persoas interesadas poden inscribir xa as súas obras -curtametraxes ou longametraxes- ata o próximo 15 de xullo.

No caso das longametraxes, poderán ser de ficción, animación ou documentais producidas nos anos 2021 ou 2022 que non se exhibisen comercialmente, e terán que inscribirse a través das plataformas Festhome e Movibeta ou escribindo a ouff@depourense.es. Nesta categoría outorgaranse cinco galardóns: a Calpurnia á mellor película (12.000 €); o Premio Carlos Velo á mellor dirección (4.000 €); o Premio Especial do Xurado (3.000 €); o Premio ao mellor guión (3.000 €); o Premio á mellor interpretación (3.000 €); o Premio do Público (3.000 €).

Ademais tamén existirán premios paralelos formados por comisións específicas para esta tarefa como o Premio Xacobeo (12.000 €), que será outorgado por unha comisión formada por membros da organización do OUFF e a Xunta de Galicia á  mellor obra con produción ou coprodución galega de todo o festival; o Premio Especial Eduardo Barreiros (3.000 €), que a organización lle outorgará á mellor opera prima do cinema español estreada entre setembro de 2021 e setembro de 2022; e o Premio CIMA, concedido pola Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (CIMA) á mellor directora da sección oficial. 

O OUFF ten entre os seus obxectivos estimular a curtametraxe en Galicia como expresión básica da creación audiovisual, polo que tamén opta ao seu propio concurso este formato, con xénero e temática libre. Nesta ocasión a inscrición será a través da plataforma Festhome e entregaranse os seguintes premios: Mellor curtametraxe de ficción (2500€), Mellor curtametraxe documental (2000 €), Premio do público (500€) e dous premios AISGE, un a mellor actor e outro a mellor actriz.

A organización dará a coñecer os primeiros contidos desta edición nas próximas semanas.

Consulta: