O Taller Carlos Velo apoia aos novos cineastas de España e de México

  • Iván Trujillo e Nicolás Echeverría presentaron no OUFF este proxecto formativo que este ano seleccionou a tres obras mexicanas e tres obras españolas

 

Ourense, 27 de setembro– O Festival Internacional de Cine de Ourense completa a súa programación a concurso con actividades paralelas, proxeccións, mostras e ciclos. Nesta edición, o Ourense Film Festival (OUFF) afonda no traballo creativo vinculado ao audiovisual a través do Taller Carlos Velo de Postproducción Cinematográfica organizado por TV UNAM, a Fundación Carlos Velo e o Festival de Cine de Ourense.

Iván Trujillo, presidente de TV UNAM e presidente do xurado de Sección Oficial desta 26 edición do OUFF, e Nicolás Echeverria, cineasta, presentaron esta mañá a colaboración intercontinental. Trujillo explicou que, fai dous anos, “estiven nun simposio en Santiago, invitado pola Fundación Carlos Velo e así xurdiu a posibilidade de facer esta colaboración. TV UNAM quixo estimular a produción audiovisual durante este tempo en que todo estivo un pouco parado e decidín falar con Nicolás e poñer estes talleres en funcionamento”. 

Os dous cineastas coñecéronse no Festival de Guadalaxara e fixéronse amigos, xa que “ambos fomos colaboradores do propio Carlos Velo e iso uniunos”. Resumindo o proxecto, “consiste en axudar a cineastas a acabar os seus proxectos e asesoralos e ademais, que puideran sobrevivir e comer. Comezamos con seis películas o pasado ano e para esta edición xa contamos coa colaboración da Fundación Carlos Velo e seleccionamos tres obras de México e tres de España. Ademais, dende hoxe pódense ver eses talleres formativos na nosa tele”.

Nicolás Echeverría salientou “o seu agradecemento ó festival e á Fundación por traerme a Galicia”. Contando a historia destes talleres, explicou que “no Festival de Guadalaxara comezamos a facer talleres nos que seleccionabamos obras sen finalizar e os cineastas que acudían como invitados, daban a súa opinión. Así, conseguían unha visión diferente e os directores que non eran seleccionados, acudían aos talleres como ouvintes para poder aprender igualmente”.

Ademais de ver os talleres en formato de programa televisivo dunha hora dende hoxe á noite, TV UNAM programou esta semana un ciclo dedicado ao cineasta Carlos Velo onde se poderá ver «Vieiros, vida y obra de Carlos Velo» de Laura Gardós ademais dos seus filmes «Torero», «La tierra del chicle», «Raíces» e «Pedro Páramo».

Taller Carlos Velo 2021

As sesións foron coordinadas polo propio Nicolás Echeverría e contaron co apoio dos titores españois Fortunato Rodríguez e Luís E. Parés, ademais dos mexicanos Mariana Rodríguez e Antonio Zirión.  

A primeira sesión corresponde a Paloma Concejero Moreno, de Madrid, que participa co documental Soy rebelde, sobre a historia da cantante e compositora  Jeanette, os seus grandes éxitos e o seu camiño de “rebeldía” que deu paso a grandes momentos históricos: da Guerra de Vietnam á irrupción dos  Beatles; da loita polos dereitos civís ás revolucións do 68, e o movemento feminista con especial atención no ocorrido na Praza de Tlatelolco no verán de 1968. 

A segunda sesión corresponde a Carlos Hernández Vázquez, co documental Lejos de casa, sobre un grupo de nenos e adolescentes, orixinarios de México e Centro América, que esperan en albergues de Tijuana unha resolución á súa petición de asilo para cruzar a Estados Unidos. A espera é longa e incerta e a infancia dos nenos mantense en pausa.

A terceira sesión é a de Laura Plancarte Zapata, de Reino Unido, co documental El sueño americano, onde conta a historia de María Magdalena, unha traballadora doméstica que, despois de que a súa exparella abusou dela, busca recobrar a custodia dos seus fillos e poder construír a súa casa co diñeiro que gaña como empregada doméstica. 

A cuarta sesión é a de de Eduardo Luís Lazalde Nájera, de Ciudad de México, co documental Las colonias, que fala dunha comunidade menonita de orixe europea, establecida no norte de México, que ve ameazadas as súas tradicións ancestrais: relixión, forma de vida, hábitat, idioma e vestimenta, pola tentación ao progreso e novas ideas relixiosas.

A quinta sesión corresponde a Aitor Sánchez Palacios, de Barcelona, creador do documental Éxodo, a loita por unha vida nova, que conta a historia de Yuri, unha muller de 19 anos embarazada de oito meses que, xunto ao seu fillo Santi e a súa parella Mike, parten de Honduras na primeira caravana migrante coa determinación de que o seu bebé naza en Estados Unidos. 

A última sesión é a de Salvador Martínez Martínez, do Estado de México, realizador do documental Tzofo, que conta as peripecias sociais e profundas batallas internas de Juliana, campesiña e cociñeira otomí.