A TV UNAM e a Fundación Carlos Velo, xunto co OUFF, promoverán un obradoiro para a posprodución de longametraxes de non ficción

  • A convocatoria seleccionará seis traballos e desenvolverá un encontro durante o transcurso da 26 edición do Ourense Film Festival, no vindeiro setembro.

A TV UNAM, a televisión da Universidade Autónoma de México, poñía en marcha o pasado ano o Obradoiro Carlos Velo de axuda á posprodución de longametraxes documentais. A iniciativa tiña como un dos principais valedores ao director da TV UNAM e ex-director do Festival de Cine de Guadalajara, Iván Trujillo. Discípulo do director de cine orixinario de Cartelle, Trujillo participou como poñente en 2019 na Xornada sobre Carlos Velo que se desenvolveu na Facultade de Comunicación da USC, coincidindo co 110 aniversario do nacemento do director de, entre outros títulos, Torero, Galicia e Pedro Páramo.

Ao fío da vocación internacional do OUFF, o festival xunto coa Fundación Carlos Velo súmanse este ano ao proxecto que ten como finalidade a de “apoiar aos realizadores e elevar a calidade das obras fílmicas de non ficción”, segundo se sinala na convocatoria. Nesta nova andaina, o Obradoiro Carlos Velo contempla a selección de seis proxectos, tres mexicanos e tres españois. Os mesmos contarán con apoio económico para axudar ao remate dos seus traballos e cunha asesoría analítica e conceptual de recoñecidos cineastas ou expertos do sector audiovisual.

Na convocatoria poderá participar calquera documentalista de nacionalidade mexicana ou española, que resida actualmente en México ou en España e que conte cun material audiovisual de non ficción en proceso de posprodución –así como estranxeiros con residencia legal en calquera dos dous países, que acrediten un mínimo de residencia habitual e constante de ao menos cinco anos inmediatos á data de emisión da convocatoria nos dous países-.

Os interesados poderán participar cunha soa obra fílmica. A participación é a título persoal, individual e de balde. As bases publicaranse na Gaceta da UNAM, na páxina oficial do Obradoiro Carlos Velo e na web da Fundación Carlos Velo.

Materiais, evaluación e axudas

Os materiais audiovisuais rexistrados deberán ter unha duración mínima de 50 minutos e máxima de 120. Non serán tomados en consideración os que estean fóra deste rango de duración.

O proceso de selección correrá a cargo de Comités Internos integrados e supervisados pola TV UNAM (México) e a Fundación Carlos Velo (España). O cineasta Nicolás Echevarría coordinará os traballos dos comités, que avaliarán a calidade, creatividade e proposta narrativa dos materiais audiovisuais rexistrados. Escolleranse 6 traballos -3 de México e 3 de España- para ser apoiados por ese concurso, sendo inapelabe a decisión do comité de selección.

Os directores dos materiais audiovisuais seleccionados recibirán un estímulo económico de 100.000 pesos (no caso de México) ou 4.000 euros (no de España) que poderán empregar para rematar a súa obra.

Sesións do obradoiro, tutoriais e prazos

As sesións do Obradoiro Carlos Velo estarán coordinadas por Nicolás Echevarría. Haberá un grupo de titores que estará integrado por catro recoñecidos realizadores, técnicos da área de documentais ou do sector audiovisual (dous por cada país). Os titores participarán no obradoiro de análise con cada un dos gañadores, co obxectivo de asesorar e aportar, de maneira conceptual, a súa experiencia aos traballos seleccionados. O obradoiro desenvolverase en liña e será gravado por TV UNAM para a súa eventual transmisión como programa televisivo e a súa difusión polos medios que a UNAM e a Fundación Carlos Velo determinen.

A convocatoria do Obradoiro Carlos Velo, promovido por TV UNAM e a Fundación que leva o nome do realizador ourensán, fixará un prazo de rexistro das propostas entre o 15 de maio e o 30 de xuño do 2021. As sesións de deliberación desenvolveranse entre os días 2 e 6 de agosto.

As sesións do obradoiro organizaranse a partir do 16 de agosto e durante o mes de setembro. Algunha das sesións desenvolveranse durante a celebración do OUFF, o Festival de Cine Internacional de Ourense que neste 2021 transcorrerá entre os días 24 de setembro e 2 de outubro, organizado pola Fundación Carlos Velo co apoio da Deputación de Ourense e a colaboración da Xunta de Galicia.