OUFF Émerides 2022
No centenario do nacemento de Juan Antonio Bardem e María Casares o OUFF lembra o seu protagonismo no festival que realizou homenaxes e publicacions para destacar a súa aportación ao cinema. O Ourense Film Festival lembra tamén o recentemente falecido actor Juan Diego, que estivo en Ourense en 2006 recibindo o premio Memoria Histórica. Finalmente, o OUFF quere homenaxear ao actor José Luis López Vázquez inesquecible protagonista de “O bosque do lobo”, rodada en terras de Celanova, no centenario do seu nacemento.
(Madrid, 1922-2002)
Director e guionista de cine
Pertence a unha familia de destacados actores como o foron os seus pais, Rafael Bardem e Matilde Muñoz Sampedro así como a súa irmá, Pilar Bardem, e os seus sobriños, os tamén intérpretes Javier Bardem e Carlos Bardem. Debutou como director no cinema xunto a Luís García Berlanga en “Esa parella feliz” (1951), con quen tamén colaboraría no guión de “Benvido Mr. Marshall” (1953).
O seu primeiro traballo en solitario como director e guionista foi “Cómicos” (1954) e a súa carreira continuaría con títulos imprescindibles do cinema español cos que logrou o recoñecemento internacional, “Morte dun ciclista” (1955) –galardoada co premio FIPRESCI no Festival de Cannes–, e “Rúa Maior” (1956), Premio da Crítica en Venecia.
A pesar da súa gran traxectoria internacional Bardem non se salvou da censura en España debido á súa militancia no Partido Comunista Español (PCE). Aínda así seguiu dirixindo as longametraxes “A vinganza” (1957) ou “Sonatas” (1959), adaptación da homónima obra de Valle-Inclán. Durante a transición dirixiu “Sete días de xaneiro” (1978), sobre a matanza de avogados laboralistas en Madrid. Durante uns anos levou a cabo traballos en televisión como o episodio “Jarabo” (1985) da serie “A pegada do crime”, ou series biográficas sobre Lorca ou Picasso. En 1997 realiza a súa última película, “Resultado final”.
Entre os galardóns recibidos destacan a Medalla de Ouro das Belas Artes, que se lle concedeu en 1986. Foi membro dos xurados internacionais en festivais de cinema como Cannes (1955) e Berlín (1993) e en 2002 o Goya de Honra por toda a súa carreira cinematográfica.
Sonatas (Las aventuras del marqués de Bradomín)
JUAN ANTONIO BARDEM • España-México / 1959 / Drama
Sinopse
A mediados do século XIX, o marqués de Bradomín, nobre galego, vese envolto, sen querer, nunha conspiración política cando tenta escapar a México co seu antigo amor, Concha, que é agora a esposa do conde Brandeso. O día da fuxida, Bradomín cae nunha emboscada, tendida polo propio conde, da que consegue escapar, pero Concha morre en tráxicas circunstancias. Bradomín refúxiase en México, onde coñece á fermosa Niña Chole, unha muller acusada de manter relacións incestuosas co seu pai. Bradomín e Niña Chole fanse namorados e tentan fuxir.
Ficha
Director: Juan Antonio Bardem. Guión/Guion: Juan Antonio Bardem, Juan de la Cabada, José Revueltas. Basado en la novela de Ramón del Valle Inclán. Música: Luis Hernández Bretón, Isidro B. Maiztegui. Fotografía: Gabriel Figueroa, Cecilio Paniagua. Montaxe/Montaje: Margarita de Ochoa, Carlos Savage. Intérpretes: JFrancisco Rabal, María Félix, Aurora Bautist, Fernando Rey. Duración: 100 minutos. Produtores/Productores: Federico Amérigo, Manuel Barbachano Ponce, Carlos Vel Guillermo F. Zúñiga. Produción/Producción: UNINCI Producciones Barbachano Ponce.