A sección “OUFF en Curto” do Ourense Film Festival contará con quince curtametraxes, des delas de ficción e cinco documentais. Proxectaranse nunha gala que terá lugar o 6 de outubro, no marco do festival. As curtas, divididas nas categorías de ficción e documental, optan a un galardón de 2.500 euros e un “Premio do Público”. Os últimos traballos de Xacio Baño, Lucía Estévez, Andrea Zapata-Girau, Ángel Santos ou Santos Díaz, entre os proxectos seleccionados
O público poderá gozar desta coidada selección a próxima semana, no marco do festival de cinema que se celebrará entre os días 29 de setembro e 8 de outubro en Ourense. Os asistentes gozarán dunha gran variedade de temáticas e formatos, en curtas asinadas por novas promesas e creadores consolidados. Con esta sección dende o OUFF procuran estimular o formato da curtametraxe como expresión básica da creación audiovisual galega.
As proxeccións dividiranse en tres bloques e un xurado profesional é o encargado de elixir o proxecto gañador, dotado cun premio de 2.500 euros. Ademais, poderán optar ao premio do público, con 500 euros. O xurado componse por Ledicia Bellón, directora de fotografía e fotógrafa, que exercerá de presidenta; Mamen Casal, coordinadora de produción e vendas de Ficción Producións e a directora de cinema Adriana Páramo.
Curtas de entre 5 e 25 minutos en tres bloques de proxeccións
No primeiro bloque o público coñecerá Alicia fai cousas, unha curta de ficción asinada por Anxo Santos, cuxa obra se enmarca no Novo Cinema Galego; Malgrat, de xénero documental e dirixida por Santi Teijelo, unha obra na que destaca o uso de imaxes dun arquivo familiar; A Rabia, de Alberto Díaz López, na que conta a historia de Filomena, marcada por una traxedia da infancia; Tan só o demo lembra, unha peza documental de Daniel Iglesias González na que lembra a súa familia materna e Des(A)mor, asinada por Alba Piñeiro, unha curta na que unha cita entre dúas persoas é o punto de partida.
O segundo bloque abrirao Non te vexo, de Xacio Baño, un ensaio fílmico sobre a elección de fotografías; Amanece la noche más larga, de Lorena Ares Lago e Carlos Fernández de Vigo, que contan unha reunión dos 4 xinetes da Apocalipse na que falan do futuro da humanidade; Din que non falan, de Santos Díaz, un avance que senta as bases da súa próxima longametraxe; Ruovesi, de Andrea Zapata-Girau, unha peza documental na que conta a historia de Cecilia, unha sobrevivinte da represión militar chilena e Sandwich Cat, de David Fidalgo, unha curta de animación na que un extraterrestre toma o corpo do gato do protagonista.
Por último, no terceiro bloque, presentarase Ulises, de Félix Brixel, sobre a relación de dous irmáns; Hondarrak, de de Paula Iglesias e Marta Gómez, unha obra de ficción sobre os coidados a través de dúas mulleres; O neno sardiña, de Lucía Estévez, na que a autora fai unha interpretación do tradicional enterro e sardiña; Tegoyo de Guillermo de Oliveira, sobre un científico que medio século despois da rodaxe de ‘Tamén os ananos empezaron pequenos’ de W. Herzog tenta recuperar os sons do pasado. Pecha o bloque Mariví, na pel da memoria, das irmás Coral e Laura Piñeiro, un documental que reflexiona sobre a memoria histórica recuperando a figura de Mariví Villaverde.
OUFF EN CURTO 2023
BLOQUE 1
30/09, Cineclube Padre Feijoo, 19:30
03/10, Cineclube Padre Feijoo, 17:00
Alicia fai Cousas. Dirección: Ángel Santos
Malgrat. Dirección: Santi Teijelo
A rabia. Dirección: Alberto Díaz López
Tan só o demo lembra. Dirección: Daniel Iglesias González
Des(A)mor. Dirección: Alba Pino
BLOQUE 2
01/10, Cineclube Padre Feijoo, 19:30
04/10, Cineclube Padre Feijoo, 17:00
Non te vexo, Dirección: Xacio Baño
Amanece la noche más larga. Dirección: Lorena Ares Lago e Carlos Fernández de Vigo
Din que non falan. Dirección: Santos Díaz
Ruovesi. Dirección: Andrea Zapata-Girau
Sandwich Cat, Dirección: David Fidalgo
BLOQUE 3
02/10, Cineclube Padre Feijoo, 19:30
05/10 Cineclube Padre Feijoo, 17:00
Ulises. Dirección: Félix Brixel
Hondarrak. Dirección: Paula Iglesias e Marta Gómez
O neno sardiña. Dirección: Lucía Estévez
Tegoyo. Dirección: Guillermo de Oliveira
Mariví, na pel da memoria. Dirección: Coral Piñeiro e Laura Piñeiro