Beli Martínez (A Guarda, 1980) é responsable, dende Filmika Galaika, de longametraxes coma Longa Noite, de Eloy Enciso, galardoado no prestixioso Festival de Locarno; Those that, at a distance, resemble another, de Jessica Sarah Rinland ou Arraianos, tamén de Enciso. Unha das súas producións máis recentes é a curtametraxe Sycorax, de Lois Patiño e Matías Piñeiro, que foi seleccionada para participar na Quincena de Realizadores do último Festival de Cannes. Tamén produciu Eles transportan a morte, que foi parcialmente rodada en Ourense.

Ademais, Martínez é Doutora en Comunicación Audiovisual e exerce a docencia na Universidade de Vigo e o IES Audiovisual de Vigo. A súa tese doutoral foi pioneira en estudar o Novo Cinema Galego.

A galardoada recibirá o premio na gala inaugural do OUFF, o próximo 24 de setembro, en presenza da viúva de Chano Piñeiro, Mariluz Montes.