Sergio Moure de Oteyza formouse no Conservatorio do Liceo de Barcelona, ademais de traballar como compositor e profesor para a ESCAC (Escola Superior de Cinema de Cataluña) e máis no CECC (Centro de Estudos Cinematográficos de Cataluña).

Estreouse na banda sonora para longametraxes con Inconscientes (Joaquí Oristrell, 2004), conseguindo un nomeamento aos premios Goya e máis aos Gaudí. Desde aquela, na súa filmografía súmanse as bandas sonoras de Secuestrados (Miguel Ángel Vivas, 2010), Lobos de Arga (Juan Martínez Moreno, 2011), El cuerpo (Oriol Paulo, 2012), Todo es silencio (Cuerda, 2012), Extinction (Miguel Ángel Vivas, 2015), ou a coprodución con Arxentina Tesis sobre un homicidio (Hernán Golfrid, 2013), protagonizada por Ricardo Darín. Presente en varias producións da galega Vaca Films (Calpurnia de Honra no OUFF2019), a máis reciente delas Feedback (Pedro C. Alonso), e tamén de autores galegos como Simón Casal (Lobos sucios, 2015),  Diana Toucedo (Trinta lumes, 2017), Paula Cons (La batalla desconocida, 2017), e máis recentemente a música para o documental Spitsbergen, o gardián do Ártico, de Ignacio Benedetti, igualmente premiado na 25ª edición do festival. Para televisión, dirixiu bandas sonoras para series como, Abuela de verano, Seis hermanas ou Hospital Valle Norte, producidas por TVE. Ademais, as súas obras foron interpretados por formacións como a Orquesta Sinfónica Ciudad de Praga, a Orquesta Sinfónica de Galicia ou a Orquesta Sinfónica de RTVE.