Premio OUFF Historia do Cine Español: Enrique Cerezo
Enrique Cerezo (Madrid, 1948) foi un apaixonado do mundo do cine dende neno. A súa primeira incursión profesional foi como axudante de cámara en Un millón en la basura (1967) de José María Forqué, á que seguirían roles técnicos en ¿Qué hacemos con los hijos? e en Vente a Alemania, Pepe. No ano 74 dirixiu a súa primeira curta La sonrisa del sol: Almería.
Nos 80 camiña cara a produción de películas ata crear, a principios dos 90, a súa propia produtora Enrique Cerezo P.C. O seu labor de produtor inclúe títulos como El Perro del Hortelano, Las brujas de Zugarramurdi, Las trece rosas, Juana la Loca, El oro de Moscú, Siete mesas de billar francés ou 1898: Los últimos de Filipinas, entre outros moitos. Colaborou durante estes anos con recoñecidos directores como Imanol Uribe, Emilio Martínez Lázaro, Álex de la Iglesia, Darío Argento, Pilar Miró ou José Luis Cuerda. Dende 1998 preside EGEDA.
Pero ademais de produtor (e presidente do clube Atlético de Madrid), Enrique Cerezo destaca no seu labor como recuperador e distribuidor de cine, con máis de 7000 títulos, dos cales un 80% proceden do cine español. No seu catálogo pódense atopar filmes de Buñuel, Amenábar, Alex de la Iglesia, Fernando Trueba, Julio Medem ou Berlanga e películas imprescindibles da nosa historia como Viridiana, Los Otros, Bienvenido Mr. Marshall,Tesis, Ay Carmela, Belle Époque ou El espíritu de la colmena.