Premio OUFF Ourense 2024
Carlos Montero, creador de “El desorden que dejas” ou “Élite”, Premio OUFF Ourense 2024
Carlos Montero (Celanova, 1972) é un dos grandes nomes do audiovisual nacional e internacional. Un dos talentos máis destacados da factoría Netflix e creador de series que xa forman parte da cultura popular. Unha carreira na que transita entre a creación literaria e a audiovisual na que nunca esqueceu a súa orixe ourensá, voltando a esta terra para rodar a adaptación da súa propia novela “El desorden que dejas”, coa que gañou o premio Primavera de Novela 2016. En recoñecemento a esta traxectoria e ao seu impacto na industria audiovisual o Ourense Film Festival (OUFF) outórgalle o Premio Ourense 2024, un galardón que recollerá na gala inaugural do festival, o día 27 de setembro.
Montero comenzou a súa traxectoria do mundo da televisión, no que como guionista aparece en títulos como “Al salir de clase” (1997/1999), “El comisario” (2000/2004) ou “Maneras de sobrevivir” (2006/2007). Unha das súas series de televisión máis coñecidas, da que foi tamén creador, é o drama adolescente “Física o química” (2008/2011) un xénero que culminou co proxecto “Élite”, da man da multinacional Netflix, unha serie que estrea agora a súa oitava e última temporada e que situou a Montero como un referente do xénero a nivel internacional. “Élite” é un dos produtos con máis éxito na historia da plataforma de streaming.
En 2020 Carlos Montero regresou a Galicia para adaptar ao audiovisual a súa propia novela, “El desorden que dejas”, desta vez coa produtora galega Vaca Films. Unha historia de misterio rodada en Celanova, con gran parte das escenas no IES de Celanova, centro no que estudou o propio Montero. Toda una volta ao fogar na que contou como parte do elenco con Inma Cuesta, Bárbara Lennie, Tamar Novas ou Arón Piper.
Carlos Montero, de Celanova para o mundo
Nado en Celanova, en xuño de 1972, no seo dunha familia intimamente ligada á fotografía -o seu avó Arturo Montero foi o primeiro fotógrafo profesional de Celanova, oficio que foi seguido posteriormente por seu pai, José Luís, á fronte dun estudo que aínda hoxe permanece aberto, se ben agora con xerencia allea á familia-, creceu nunha vila cun máis que evidente arrecendo literario -os estudos de primaria realizounos no Colexio Curros Enríquez e os de segunda ensinanza no Instituto Celso Emilio Ferreiro, situado no impoñente mosteiro de San Rosendo que preside e sinala o transcurso vital dos celanovenses-, non resulta estraño que a imaxe e a literatura –ou ó revés- acabasen abeirando e ó mesmo tempo alumeando o camiño que decidiu seguir cando marchou a Madrid para formarse nos principios da comunicación e do audiovisual.
Alí coincidiu con outros dous mozos, Mateo Gil e Alejandro Amenábar. Polas súas arterias corrían ríos de ideas cinematográficas e con eles mergullouse de cheo nunha viaxe que compaxinaba a formación regrada coa formación empírica. É dicir, que eran capaces de asumir con fruición os segredos teóricos da creación e narración de historias, coa práctica da súa rodaxe, da súa montaxe e case da súa promoción, ata o punto de que estes dous chegaron a sacar á luz as súas obras practicamente ó mesmo tempo que cumprían o ciclo universitario.
Montero trazou un camiño máis lento e unha vez rematada a carreira comezou a conxugar a redacción de guións coa creación literaria máis clásica, proposta que culminou coa consecución do premio Primavera de Novela 2016 coa obra “El desorden que dejas”. Para ese ano o seu nome xa formaba parte das liñas de cabeceira de series de televisión como “Al salir de clase”(1997/1999), “El comisario” (2000/2004) ou “Maneras de sobrevivir” (2006/2007) e, sobre todo, “Física o química” (2008/2011), ademais da película “Combustión” (2013), antes de dar o salto á adaptación para televisión da novela “El tiempo entre costuras” (2013).
Con esta bagaxe a multinacional Netflix se fixouse no seu currículo e coa produtora de man centrouse no desenvolvemento do proxecto “Élite” que internacionalizou o seu nome e que agora encara a súa derradeira tempada, non sen que polo medio (2020) acometera unha proposta certamente singular e probablemente insólita no mundo do audiovisual, como foi transformar a novela “El desorden que dejas” nunha serie de televisión rodada parcialmente no mesmo Instituto Celso Emilio Ferreiro no que el comezou de mozo a ilusionarse coa maxia do audiovisual, aínda que transmutando a súa Celanova natal por “Novariz”, a vila imaxinaria na que probablemente reside o seu ego creativo e dende onde está a acometer, silandeiro, novos proxectos para a factoría Netflix.
O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense e o apoio da Xunta de Galicia.