O OUFF acolle a estrea mundial da película galega El cuarto de Mona, “unha traxedia desde o prisma da comedia”

  • A película proxéctase esta tarde no Teatro Principal, ás 19:30 horas
  • Para o seu director, Darío Autrán, o filme dá visibilidade ao problema da saúde mental

Ourense, 25 de setembro – O Teatro Principal acolle a tarde deste sábado a estrea mundial de El cuarto de Mona, unha “traxedia desde o prisma da comedia”, en palabras do seu guionista e director, Darío Autrán. A película, rodada en parte en Ourense e protagonizada pola actriz ourensá Sabela Hermida, conta “unha semana disparatada e frenética, un vía crucis profano” na vida do seu personaxe, Mona. E propón unha “crítica amable e velada de todos os estamentos da sociedade”, á vez que dá visibilidade ao problema da saúde mental, “máis importante que nunca pola devastación que vivimos”, contou o seu director.

Para Sabela Hermida, o filme é especial ademais porque conta a historia dunha muller, sen ningún personaxe masculino que a complemente. “Agradézoo como muller, como actriz e como feminista”.

El cuarto de Mona, chega por fin a unha sala de cinema despois dun ano de produción con moitas dificultades. No reparto, ademais de Sabela Hermida, figuran  Melania Cruz, Manuel  Manquiña, Isabel Blanco, Pedro Picos e Rosalía Castro. A película proxéctase dentro do ciclo  Sesións  Especiais.

O director

Darío  Autrán (Pontevedra, 1987) é actor, guionista, director e montador. Comezou a súa carreira cinematográfica escribindo e protagonizando Orxo, unha película de televisión rodada en Galicia. Ao final deste proxecto, rodou como director, guionista e actor a súa primeira película en 2010, Tacha & Jean, coa que obtivo nomeamentos á mellor película nos festivais internacionais de cinema de autor de Lugo, Cinelow I Director Emergents e nos premios Mestre Mateo de 2013.