Rosa Álvarez, Premio de Honra da Fundación AISGE

Rosa Álvarez, Premio Honor Fundación AISGE
  • A actriz e directora teatral recibirá o galardón o 3 de outubro, durante a gala de clausura do OUFF, de mans de Isabel Blanco.

A veterana e recoñecida actriz ourensá Rosa Álvarez será este ano a destinataria do Premio de Honra que concede a Fundación AISGE no marco do Festival Internacional de Cinema de Ourense (OUFF), un certame que alcanza esta tempada a súa emblemática vixésimo quinta edición. A artista recibirá o seu galardón en recoñecemento ao conxunto da súa traxectoria durante a cerimonia de clausura do certame, a noite do sábado 3 de outubro, xusto un par de días antes de celebrar o seu aniversarios número 70.

Natural do pequeno municipio de Carballeda de Avia, aínda que na actualidade reside en Vedra (A Coruña), Rosa Álvarez Cabo é unha das intérpretes e directoras teatrais pioneiras da escena galega e unha artista particularmente admirada entre os seus compañeiros de AISGE, entidade á que pertence desde 1991 e na que consta co número de socio 515. Envorcouse no mundo da interpretación a partir de mediados da década dos oitenta, con abundantes aparicións nas montaxes do Centro Dramático Galego. E a partir de 2001 deu forma á compañía teatral Lagarta Lagarta, fundada xunto ao seu marido, o tamén actor Ernesto Chao, falecido aos 74 anos de idade no verán de 2018. 

“Rosa e Ernesto constituían un tándem. Amigos, confidentes, colegas, amantes, compañeiros a un do outro e o un da outra. Un exemplo de amor e harmonía, dese valor hoxe tan extinción que é a familia. Eran ouro puro”, glósalles Isabel Blanco, actriz, patroa da Fundación AISGE e delegada de AISGE en Santiago de Compostela, que será a encargada de facer entrega á homenaxeada da súa figura. Blanco resaltou que este premio é “unha mostra de estima e admiración dos compañeiros” e, de paso, “un estímulo para a súa reconstrución anímica e artística, como o gran ser humano e a tan valorada compañeira que é”. 

Álvarez emprendeu a súa traxectoria na gran pantalla con “Esperanza” (Chano Piñeiro, 1986) e “Divinas palabras”, rodada un ano despois por José Luis García Sánchez, antes de formar parte en 1989 do elenco de “Sempre  Xonxa”, a película do propio Piñeiro que se considera xénese da cinematografía galega moderna. Outras das súas películas importantes con “El baile de las ánimas” (1993), “La rosa de piedra” (1999), “Trece badaladas” (2002), “La vida que te espera“ (2004, ás ordes de Manuel Gutiérrez Aragón) e “Os mortos van á presa“ (2009), de Ángel de la Cruz, onde desempeñaba o papel de Carmiña, que lle valeu un nomeamento aos premios Mestre Mateo como mellor actriz secundaria.

Máis sorte tivo, para os recoñecementos, cos premios María Casares das artes escénicas galegas, onde por dúas ocasións (2001 e 2005) o seu personaxe en Fobias proporcionoulle a consideración de mellor actriz protagonista. Ademais, en 2010 gañou por O segredo dos Hoffman o trofeo á mellor dirección, mentres que o premio de Honra “Marisa Soto” correspondeulle na edición de 2018. En canto ao seu currículo televisivo, inclúe as súas incursións nas series  Imós  aló, Avenida de América, Efectos secundarios ou Escoba!, esta última unha serie de mulleres dirixida por Mariana Carballal. Todos estes traballos foron sempre para a TVG.