O compositor Sergio Moure de Oteyza recibirá o Premio Especial do OUFF 2021

  • A organización concédelle este galardón pola súa importante contribución ao mundo do cinema

  • O músico coruñés recibirá o seu galardón durante a 26 edición do OUFF, a celebrar do 24 de setembro ao 2 de outubro

O compositor Sergio Moure de Oteyza (A Coruña, 1969) recibirá o Premio Especial da 26 edición do Festival de Cine de Ourense -instituído na 25 edición-, pola súa ampla traxectoria como músico de cinema e como autor de máis de medio cento de composicións para longametraxes, curtametraxes e series de televisión, á parte o seu labor como músico sinfónico. Un dos seus traballos máis recentes foi La gallina Turuleca, recente premio Goya de animación.

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, institución que dende 2018 lidera o rexurdir do festival xunto á Fundación Carlos Velo, comunicoullo persoalmente, salientando que “co Premio Especial OUFF2021, se quere recoñecer a un grande profesional da composición que ademais de estar entre os mellores da súa especialidade no cine español e internacional dende Galicia, certifica o grande momento que está a vivir o audiovisual galego, en parte polos aportes de profesionais como Sergio Moure”. Pola súa banda, o compositor amosoulle o seu agradecemento, polo que o premio lle “supón como punto e seguido na miña carreira”, engadindo que ¨levo 20 anos dedicándome a compoñer para cine e televisión, e isto anímame a seguir adiante”.

Unha carreira de éxitos

Sergio Moure de Oteyza formouse no Conservatorio do Liceo de Barcelona, ademais de traballar como compositor e profesor para a ESCAC (Escola Superior de Cinema de Cataluña) e máis no CECC (Centro de Estudos Cinematográficos de Cataluña).

Estreouse na banda sonora para longametraxes con Inconscientes (Joaquí Oristrell, 2004), conseguindo un nomeamento aos premios Goya e máis aos Gaudí. Desde aquela, na súa filmografía súmanse as bandas sonoras de Secuestrados (Miguel Ángel Vivas, 2010), Lobos de Arga (Juan Martínez Moreno, 2011), El cuerpo (Oriol Paulo, 2012), Todo es silencio (Cuerda, 2012), Extinction (Miguel Ángel Vivas, 2015), ou a coprodución con Arxentina Tesis sobre un homicidio (Hernán Golfrid, 2013), protagonizada por Ricardo Darín. Presente en varias producións da galega Vaca Films (Calpurnia de Honra no OUFF2019), a máis reciente delas Feedback (Pedro C. Alonso), e tamén de autores galegos como Simón Casal (Lobos sucios, 2015),  Diana Toucedo (Trinta lumes, 2017), Paula Cons (La batalla desconocida, 2017), e máis recentemente a música para o documental Spitsbergen, o gardián do Ártico, de Ignacio Benedetti, igualmente premiado na 25ª edición do festival. Para televisión, dirixiu bandas sonoras para series como, Abuela de verano, Seis hermanas ou Hospital Valle Norte, producidas por TVE. Ademais, as súas obras foron interpretados por formacións como a Orquesta Sinfónica Ciudad de Praga, a Orquesta Sinfónica de Galicia ou a Orquesta Sinfónica de RTVE.

Para Moure, o seu é totalmente vocacional pois “dende cativo quería ser compositor e os meus pais eran moi cinéfilos, polo que xuntar música e cine foi descubrir a miña auténtica paixón”. Durante a súa etapa formativa en Barcelona, coñeceu a diversos directores “e alí decidín participar coa miña música. Empecei con moitas curtas e despois xa chegou a miña primeira longa en 2004.

Moure, que se define como un corredor de fondo e moi entusiasta, cre que festivais como o OUFF “deben servir como ventá para darlle visibilidade ao mundo do cine. Deben servir como escaparate, agora máis ca nunca”. Co gallo do premio, o Ourense Film Festival publicará un volume autobiográfico do propio Moure na súa serie Monografías, que será presentado nas mesmas datas.