Últimos días para inscribirse en Fas Muvis

Rodaxe de Fas Muvis na edición do 2018
  • O concurso para rodar unha curta en Ourense pecha prazo de inscrición o próximo 12 de setembro

  • Os participantes contarán cun presuposto de 500 euros para gastos da produción

O domingo día 12 remata o prazo para inscribirse nunha nova edición de Fas Muvis. Trátase do concurso por equipos que teñen como obxectivo rodar unha curta en Ourense nun prazo límite de 48 horas e que arrancará coincidindo co inicio da 26 edición do OUFF (Ourense Film Festival). Trátase da cuarta edición deste certame, unha iniciativa pola que aposta o festival ourensán dende 2018 para darlle oco e oportunidade a novos creadores galegos. A organización seleccionará a seis equipos participantes, que poderán contar con ata cinco participantes menores de 30 anos e que se anunciarán o vindeiro 14 de setembro.

Tralo éxito das anteriores convocatorias, vólvese repetir a fórmula do éxito de darlle a cada grupo un presuposto de 500 euros para os seus gastos. Desta forma, cada un dos seis equipos adminístrase da forma que mellor considere. Ademais, poden gañar dous grandes premios: un primeiro premio de 600 euros e un segundo de 200 euros. Os traballos finais e os gañadores daranse a coñecer nunha gala propia coincidindo co final do festival. A organización fará a selección de participantes atendendo ao currículo dos membros, á calidade do proxecto e a adaptación do relato proposto ás bases do concurso.

Unha dinámica sinxela

A rodaxe das pezas audiovisuais, que poden ser ficción, documental ou reportaxe, comezará á vez que a 26ª edición do OUFF, o 24 de setembro, ás 20 horas. Durante 48 horas, os seis equipos deberán rodar na cidade e na súa contorna todo o material que precisen para a súa curta. Despois terán un prazo de 96 horas para a montaxe da obra, que deberá ser en galego e ter entre 3 e 10 minutos de duración.

A inscrición pode facerse a través do email fasmuvis@gmail.com e as bases completas poden consultarse aquí.