- Iván Trujillo será o presidente do xurado da Sección Oficial
- Paula Cons, Manane Rodríguez, Carlos Amaral e Patricia Roda completan o grupo que xulgará ás 10 películas en competición
- O OUFF en Curto conta cun xurado formado por tres mulleres
Ourense, 23 de setembro – A 26 edición do Ourense Film Festival (OUFF) contará cun xurado internacional de primeiro nivel para a súa Sección Oficial. Cineastas, directores, guionistas e productores de diversas nacionalidades conforman un xurado internacional con profesionais de gran categoría e que estará dirixido polo cineasta mexicano Iván Trujillo. Os cinco membros do xurado terán o difícil labor de decidir cales son as gañadoras de entre as 10 películas a competición deste ano. Así, os compoñentes do xurado internacional da Sección Oficial son:
Iván Trujillo-Presidente
Naceu en Tabasco en 1954. É licenciado en Bioloxía pola Facultade de Ciencias da UNAM e cineasta graduado no Centro Universitario de Estudos Cinematográficos da UNAM. A súa carreira comezou en 1980 na Filmoteca da UNAM, promovendo a produción e difusión do cine científico. Como cineasta, centrouse en facer documentais sobre a fauna. En 1988 gañou o Ariel á mellor curtametraxe documental coa película Mariposa monarca, adivinanzas para siempre. Foi director xeral da Filmoteca da UNAM entre 1989 e 2008. Presidiu a Federación Internacional de Arquivos Fílmicos de 1999 a 2003. De 2008 a 2010 foi agregado cultural de México en Cuba. De 2010 a 2018 foi director do Festival Internacional de Guadalaxara. En maio de 1999 recibiu a condecoración de Cabaleiro da Orde das Artes e as Letras, conferido polo goberno francés e en 2006 a Encomenda ao Mérito Civil que lle conferiu España. Desde febreiro de 2019, é o director xeral de TV UNAM. Durante o transcurso do festival concederanlle o Premio Veliano de Honra que outorga por vez primeira na súa historia a Fundación Carlos Velo.
Paula Cons
Paula Cons Varela (A Coruña, 1976) é xornalista, produtora, guionista, documentalista e directora de cine. É produtora executiva e directora de contidos de Agallas Films. En 2009 debuta na dirección para TV con Trece badaladas. O documental A batalla descoñecida (2017) foi o súa primeiro traballo como directora para o cine, sendo galardoado en varios festivais e co premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual ao mellor documental. En 2018 dirixiu o docudrama O Caso Diana Quer. 500 días. A súa primeira longametraxe de ficción A illa das mentiras gañou o Premio Xacobeo no OUFF 2020.
Manane Rodríguez
Directora, guionista e produtora uruguaia cuia carreira cinematográfica transcorre integramente en España. En 1994 fundou co director ourensán Xavier Bermúdez, a produtora Xamalú Filmes. En 1996 dirixiu a súa primeira longametraxe, Retrato dunha muller cun home de fondo; á que segue a coprodución con Arxentina, Os pasos perdidos, (2001); Unha historia para Olivia (2006); Un axuste de contas (2009); Broken Memories (2010) e a coprodución hispano-uruguaia, Migas de pan (2016), seleccionada por Uruguai para representala nos premios Oscar 2017.
Patricia Roda
Directora e produtora. Estudou dirección de cine no CECC (Barcelona). Traballou como directora de produción e produtora executiva en diferentes documentais e longametraxes, entre os que destacan Xogo de espías, El Papa Luna e Cineclub, polo que gañou o premio Gaudí á mellor dirección de produción en 2010. Como directora, co documental El viaje de las reinas, gañou a Biznaga de Prata no Festival de Cine de Málaga. É produtora executiva de Estación Cinema e vicepresidenta segunda da Asociación de Mujeres Cineastas y Medios Audiovisuales (CIMA).
Carlos Amaral
Realizador, posprodutor, artista vfx, docente, guionista e motiongrapher. En 2010 participou na Berlinale Talent Campus. Dirixiu e produciu Justino, mellor curtametraxe no Shortcutz Lisboa. O seu traballo Lonxe do Edén (2013) gañou Mellor Fotografía no Festival de Cine Ibérico de Badaxoz e o Premio Sophia á mellor curta de ficción. No 2016 estrea Por Diabos e no 2021 Mar Infinito, Premio do Público no Festival Luso Brasileiro.
OUFF en Curto
Tres mulleres teñen nas súas mans a labor de decidir quen serán os gañadores desta nova edición do OUFF en Curto. Preside o xurado Araceli Gonda, xornalista e guionista. Participou no guión de 18 comidas de Jorge Coira e recentemente en Cuñados ademais de en series como Luci ou Padre Casares (TVG) e na exitosa Hierro (Movistar + e Arte France). Acompáñaa Alba Prol, produtora, presentadora e realizadora. Fundadora de Meteórica Cine, codirixe xunto a Raúl García a longa documental The great way premiada en varios festivais e presente este ano no OUFF. E remata o xurado con Alba Gallego,que traballou como script traballou nas longametraxes Jacinto (2020) e Ons (2019), e en series coma La Unidad (2021) ou Néboa (2019). En 2020 gañou o Premio María Luz Morales a mellor videoensaio sobre audiovisual galego con O vídeo esquecido.
OUFF Escola
O certame escolar conta este ano cun xurado de nivel para analizar as obras presentadas a esta nova edición do OUFF Escola. Os cinco membros do xurado son Nora Sola: xornalista, empresaria e ex directora do Festival Internacional de Cine de Ourense. Presidenta do xurado OUFF Escola 2021; César Silva: xornalista e director de programación e coordinación do OUFF; Fernando González: actor, músico e compositor; Manoli Maseda: doctora en Educación e actual coordinadora en Dinamización da Política Línguística; e Gregorio Ferreiro Fente: profesor de Secundaria e actual asesor da Secretaría Xeral de Política Língüística da Xunta.