Vaca Films recibe a Calpurnia de Honra, máximo galardón do OUFF 2019

 

  • A entrega do premio terá lugar esta noite nunha gala na que estarán os produtores Emma Lustres e Borja Pena acompañados de actores como Luis Tosar, Luis Zahera ou Alberto Ammann

  • A homenaxe complétase cun libro sobre a produtora e cun ciclo coas súas películas máis destacadas

 

Pola súa condición de produtora audiovisual líder en Galicia en canto a produción cinematográfica, plenamente integrada no mercado español e internacional, Vaca Films recibe o premio Calpurnia de Honra do OUFF 2019. Os fundadores da produtora, Emma Lustres e Borja Pena, amosáronse entusiasmados no seu encontro coa prensa desta mañá previo a entrega do galardón que terá lugar no Teatro Principal, esta noite, a partires das 20.00 horas, nunha gala homenaxe na que se tamén se proxectará “Celda 211”, filme que celebra este ano o seu décimo aniversario.

“Este é un recoñecemento que recibimos con moita satisfacción porque é un recoñecemento ao traballo de moitas persoas que nos acompañou ao longo destes anos. Grandes persoas que poñen moito empeño e moita ilusión cada día para sacar adiante todos os nosos proxectos” quixo destacar Emma Lustres.

A Calpurnia de Honra quere servir de homenaxe a unha das produtoras cinematográficas máis importantes do estado, responsable de grandes éxitos de crítica e público como “El niño”, “El desconocido” ou “Cien años de perdón”. Fundada no ano 2003, é un dos máximos referentes da industria audiovisual galega e acaba de estrear a filial Vaca TV, dirixida a produción de ficción para plataformas televisivas. 

A multipremiada “Celda 211” será protagonista na gala, coincidindo co décimo aniversario da súa estrea, filme que ademais foi proxectado no  Ourense Film Festival de 2009 tras pasar polos festivais de Venecia e de Toronto. Moitos dos seus protagonistas volverán hoxe a pisar as rúas ourensás para acompañar a Emma Lustres e Borja Pena. A homenaxe que o OUFF 2019 quere render á produtora complétase coa edición do libro “Vaca Films. Paixón polo cinema” e cun ciclo especial con algúns dos seus filmes máis destacados.

“Vaca Films. Paixón polo cinema”

É o título do libro que quere homenaxear a traxectoria da produtora galega. Trátase dun volume colectivo que se encadra dentro das publicacións propias do festival e que se converte no número 2 da serie Monografías que comezou o ano pasado con “Dos pés á cabeza”, título escrito por Eduardo Galán e dedicado a Xavier Bermúdez, Capurnia de Honra do OUFF 2018.

Coordinado por Miguel Anxo Fernández, director artístico do OUFF, no libro faise un repaso pola traxectoria de Vaca Films a través da aportación dunha vintena de especialistas en cine como Andrés Castro, Diana Ramahí, Fernando Redondo, Alberto Abuín ou o propio Eduardo Galán. A través destas visións tan diversas, analízase o caso de éxito de Vaca, un modelo a respectar, a valorar e mesmo a imitar, por conxugar na súa filmografía, unha vocación plurinacional e cosmopolita, coa de manter a Galicia no seu ADN. 

Ciclo Vaca Films

O ciclo Vaca Films do OUFF poderá verse no Centro Comercial Ponte Vella durante a semana do festival e inclúe os seguintes títulos: 

  • “Quien a hierro mata” (Paco Plaza), con Luis Tosar como protagonista; actualmente en carteleira.
  • “Invasor” (Daniel  Calparsoro), con Alberto Ammánn e Inma Cuesta; nomeada a 5 premios Goya.
  • “El niño” (Daniel Monzón), con Luis Tosar e Jesús Castro; gañadora de 4 premios Goya.
  • “El desconocido”, debut na longametraxe do monfortino Dani de la Torre; rodada na Coruña con Luis Tosar e Javier Gutiérrez
  • “Cien años de perdón” (Daniel Calparsoro), con Rodrigo de la Serna, Luis Tosar e Raúl Arévalo.
  • “Feedback”, a ópera prima de Pedro C. Alonso que conta con Eddie Marsan, Paul Anderson ou Ivana Baquero.