• Os interesados en participar poden inscribirse ata o 12 de setembro

  • Seleccionaranse seis equipos aos que se lles dará un orzamento de 500 euros

O Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) volverá acoller en setembro unha nova edición do concurso Fas Muvis. Trátase da cuarta ocasión na que se celebrará este certame, que busca darlle un aire novo e impulsar o audiovisual entre a mocidade galega. A dinámica é sinxela pero desafíante: seis grupos de participantes teñen 48 horas de prazo para gravar unha peza audiovisual que debe estar relacionada con Ourense e 96 horas para a posterior montaxe. Paulino Pérez e Enzo Sarmiento volven a repetir como equipo coordinador.

Este desafío conta cos grandes atractivos de que a cada un dos seis Equipos participantes se lle outorga un orzamento de 500 euros, que poderá ser gastado no que cada Equipo considere, e que ademais optan a dous grandes premios económicos: un primeiro premio de 600 euros e un segundo de 200 euros. As producións gañadoras daranse a coñecer durante a clausura do festival, o sábado 2 de outubro.

Seis Equipos en competición

Os seis Equipos participantes poderán estar formados por un máximo de cinco persoas, que deberán ser menores de 30 anos. A organización fará a selección dos Equipos atendendo ao currículo de cada un dos membros, á calidade do proxecto e á adaptación do relato proposto ás bases de Fas Muvis. A inscrición pode facerse a través do email fasmuvis@gmail.com. O prazo permanecerá aberto ata o 12 de setembro e o día 14 faranse públicos cales son os escollidos.

A rodaxe das pezas audiovisuais, que poden ser ficción, documental ou reportaxe, comezará á vez que a 26ª edición do OUFF, o 24 de setembro, ás 20 horas. Durante 48 horas, ata o domingo 26, os seis Equipos deberán rodar na cidade de Ourense e na súa contorna todo o material que precisen para a súa curta. Búscase destacar así os valores arquitectónicos, sociais, históricos, artísticos, etnográficos ou naturais da zona en cada curta, que deberá ser en galego e ter entre 3 e 10 minutos de duración.

 

As bases completas poden consultarse na nosa web nesta ligazón.