Volve Fas Muvis: crear unha peza audiovisual con 500 € en 48 horas

Rodaxe de Fas Muvis na edición do 2018
  • Esta edición contará con dúas categorías: xeral e escolas, dirixida a alumnos de FP e de Bacharelato

  • O prazo para enviar propostas remata o 17 de setembro

  • A peza poderá ser ficción, documental, promocional ou unha reportaxe

Tras o éxito da convocatoria do pasado ano, Fas Muvis. Límite 48 horas volve á 24ª edición do Ourense Film Festival (OUFF). Trátase dun concurso destinado a crear unha peza audiovisual nun tempo limitado cun equipo formado por cinco membros. O obxectivo principal é promover a produción audiovisual galega entre a mocidade ao mesmo tempo que se promociona Ourense. Este ano como novidade ven de crearse a categoría de Fas Muvis Escolas, destinada a mozos de entre 16 e 22 anos que cursen estudos de FP ou de Bacharelato.

“O maior atractivo é que os equipos dispoñen dun presuposto dende o comezo co que poden empezar a traballar. Non teñen que gastar eles de inicio, o que supón unha gran vantaxe”, afirma Paulino Pérez, un dos coordinadores de Fas Muvis. Cada un dos equipos dispón dun orzamento de 500€ co que deben xestionar toda a produción, que debe ser rodada e estar relacionada coa cidade de Ourense.

Cartel Fas Muvis 2019

De entre tódalas propostas, que poden ser enviadas ata o 17 de setembro, seleccionaranse 10 equipos, 7 de categoría xeral e 3 de escolas. “Nós primamos a calidade e non a cantidade. Por iso eliximos os proxectos que resultan máis atractivos e orixinais de entre tódolos que se presenten”, comenta Paulino Pérez que tamén destaca que “é unha gran oportunidade para a xente novel, todos son menores de 28 anos, e poden experimentar coas súas primeiras curtas”.

Os equipos seleccionados terán 48 horas para realizar a rodaxe, que comezará o venres 27 de setembro e finalizará o domingo 29, e que converterá as rúas de Ourense nun plató de cine durante a celebración do OUFF 2019. As pezas resultantes optarán a un un premio de 600 € para o primeiro clasificado e de 200 € para o segundo na categoría xeral e un premio único de 400 € no apartado de Fas Muvis Escolas. Ademais, as obras gañadoras proxectaranse durante a gala de clausura do festival.