Xavier Bermúdez clausura o obradoiro de cine do Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar

Taller Xavier Bermúdez
  • A actividade no cárcere entronca co obxectivo de descentralizar o Festival de cine e terá continuidade no tempo

  • O vindeiro taller – neste caso fóra do cárcere- correrá a cargo do cineasta Alberte Pagán dentro da área formativa do OUFF 2019

O director de cinema Xavier Bermúdez impartiu esta mañá no Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar a última das catro xornadas do taller sobre cinema para reclusos e reclusas. O taller de Bemúdez forma parte dos ciclos formativos que integran as actividades paralelas da 24ª edición do Ourense Film Festival ( OUFF 2019). O obxectivo final de accións como a que ven de ter lugar no cárcere é “descentralizar o Festival”. Así o asegurou Miguel  Anxo Fernández, coordinador artístico do OUFF 2019.

Integrar a todos os sectores da sociedade ourensá ao redor do festival de cinema é un dos eixos de actuación fundamentais desta edición. Neste sentido, o taller de Bermúdez tiña como obxectivo engadido achegar o cinema e o proceso de realización audiovisual aos internos do centro penal. A través das catro xornadas nas que se celebrou esta actividade, os internos puideron coñecer de primeira man as ferramentas básicas para realizar unha peza audiovisual e descubriron que o cinema está ao alcance de calquera persoa.

Xavier Bermúdez, Calpurnia de Honra do OUFF 2018, amosouse entusiasmado coa acollida dos internos do centro penal, que xa visitara o pasado ano para asistir á proxección de “León y Olvido”. Despois deste primeiro obradoiro sobre ferramentas básicas do guión de cinema, o director anunciou a continuidade do proxecto en meses posteriores debido ao interese e participación dos reclusos. “Pasaremos a facer unha práctica con eles e incluso unha ou varias curtametraxes”, suliñou Bermúdez.

O OUFF volverá este ano a levar o cinema ao interior do cárcere durante os días de festival coa proxección dunha nova película como xa ocorrera na pasada edición. Responsables do centro penal e organización do festival traballan nun estreito marco de colaboración para a realización de novas actividades: proxeccións e mesmo visitas aínda sen determinar debido á acollida destas primeiras sesións formativas.

Obradoiro de Alberte Pagán

A seguinte cita formativa dentro do OUFF será o obradoiro de Alberte Pagán “Que é o cinema?”. Celebrarase o sábado 28 e o domingo 29, ámbalas dúas sesións a partires das 18 horas. O día 28 consistirá nunha clase maxistral na que o cineasta carballiñés tentará dar resposta a través de catro eixos: o cinema como materia, o cinema como tempo, o cinema como montaxe e o cinema como significado.

O domingo 29 haberá unha escolma dalgunhas das pezas audiovisuais máis importantes de Alberte Pagán ademais da estrea de τέχνη (“Tekné”), a súa última obra. O escritor e cineasta é autor dunha longa serie de películas experimentais ademais de desenvolver un importante labor como divulgador do cinema experimental internacional. En 2016 recibiu o Premio da crítica de Galiza. 

As persoas interesadas en asistir ao taller aínda poden inscribirse ata mañá, venres, a través do email ourense.film.festival@gmail.com.