Calpurnia de Honra 28º OUFF: Loles León
O premio do Ourense Film Festival lembra a participación da actriz na película fundacional do cinema galego Sempre Xonxa
Minga. A criada do cura. Esa era a personaxe de Loles León (Barcelona, 1950) na película Sempre Xonxa de Chano Piñeiro. Unha das actrices españolas máis populares regresa a Ourense para recibir a Calpurnia de Honra no 28ª Ourense Film Festival, que, ademais de homenaxear a súa longa e exitosa traxectoria, remarca o vínculo da artista coa provincia e cunha película que se considera fundacional para o cinema galego. A intérprete barcelonesa recolle o premio na gala de clausura do OUFF, o próximo 7 de outubro.
Actriz de televisión, cinema e teatro, Loles León é sen dúbida una das actrices máis coñecidas do público español. Criada na Barceloneta, emigra a Madrid en tempos da movida, cando coñece a Pedro Almodóvar co que rodará peliculas como Mujeres al borde de un ataque de nervios (1988), ¡Átame! (1989) e Hable con ella (2000). Participou en corenta longametraxes e unha decena de curtas, e foi candidata aos Goya como mellor actriz de reparto tres veces: con ¡Átame!, con Libertarias (1996) de Vicente Aranda, e con La niña de tus ojos (1998) de Fernando Trueba.
A televisión nas últimas décadas deulle unha nova dimensión á súa popularidade; a súa participación protagonista en series televisivas, en especial en Aqui no hay quien viva e La que se avecina, fixo dela un dos rostros máis recoñecidos para o gran público. Pero Loles León comezou a súa carreira no teatro nos anos setenta e nunca quixo desvincularse del; no ano 2021 estreou con moi bos resultados a comedia musical “Una noche con ella”, escrita por Juan Luis Iborra inspirándose nas propias vivencias da actriz.
Sempre Xonxa
Sempre Xonxa, rodada en Santoalla, está considerada, xunto a Continental de Xavier Villaverde e Urxa, de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal, o filme fundacional do cinema galego. Xunto ao trío protagonista deste drama ao redor da emigración, interpretado por Uxía Blanco, Miguel Ínsua e Xabier R. Lourido, un importante elenco de secundarios. Aí atopamos a Loles León, que xa empezara a traballar con Almodóvar; o seu papel na película de Chano Piñeiro será o de Minga, a criada do cura, unha muller alegre e festiva con momentos memorables como no que lle conta ao cura como se lle apareceu a virxe en bicicleta. Loles León asegurou nalgunha entrevista que foi moi feliz durante a rodaxe da película de Chano Piñeiro, emblema do incipiente audiovisual galego na década dos anos oitenta. A actriz barcelonesa volve a Ourense para recoller a Calpurnia de Honra o próximo 7 de outubro na gala inaugural do 28º OUFF.