Na última década Luisa Merelas (A Coruña, 1958) encarnou na ficción a mulleres de gran dureza, inesquecibles para a audiencia; entre elas, a matriarca Dona Carme Matalobos da serie Matalobos, a  Amalia da familia Charlín en Fariña ou, na gran pantalla, a nai Anta da multipremiada As bestas de Rodrigo Sorogoyen. Actriz de teatro, cinema, televisión e, tamén de dobraxe, Merelas, unha das actrices máis queridas polo público galego, recibe en 2023 o Premio da Fundación AISGE no 28º Ourense Film Festival (OUFF). Galardoada nos María Casares de Teatro en dúas ocasións, Luisa Merelas leva corenta anos de profesión ás costas; os seus compañeiros e compañeiras  falan de naturalidade e realidade cando describen o que ela transmite nos seus traballos. Luisa Merelas recibirá o Premio AISGE na gala inaugural do festival ourensán o 29 de setembro.

Conta Luisa Merelas Gómez que desde os quince anos andaba metida no teatro amateur e que, con dezaoito anos, cobrou o seu primeiro salario como actriz. Á beira doutro grande da interpretación galega, o dramaturgo e actor Manuel Lourenzo, de quen era amiga desde a escola primaria e quen escribiu un monólogo para retela no incipiente teatro profesional galego. “Con ese monólogo iamos representando polas aldeas, unha compañeira que era a técnica, máis eu, unha furgoneta e catro bártulos”, lembraba nunha entrevista a actriz que viviu o xermolo do circuito teatral profesional en Galicia no comezo da década dos setenta.

Licenciada en Arte Dramático polo Institut del teatre de Barcelona, Luisa Merelas tamén é un dos nomes propios vinculados aos primeiros anos da televisión autonómica galega;  a súa ampla experiencia no eido audiovisual comezou en 1988 con proxectos como “Vale ,Vale” , de Raúl Dans ou “Máis Ozono”, de Chichi Campos. Posteriormente formou parte do elenco de míticas series de televisión como “Terra de Miranda”, “Matalobos”, “Entre bateas”, “O Faro”, “Piratas”, “Néboa” ou “Fariña”, estas dúas últimas emitidas en TVE e Atresmedia, respectivamente.

Participa en longametraxes como Hermana muerte (2023), do director Paco Plaza; As bestas (2022), de Rodrigo Sorogoyen; Tres (2021), de Juanjo Giménez;  Live is life (2021), de Dani De la Torre;  Siete mesas de billar francés (2007) de Gracia Querejeta ou Los lunes al sol (2002), de Fernando León de Aranoa. Estivo nominada en varias ocasións aos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual.

En teatro, gañou o premio Maruxa Villanueva 2007, o Premio María Casares á mellor actriz protagonista no mesmo ano coa obra “O regreso ao deserto”, e á mellor actriz secundaria, en 2013 coa montaxe “A función do tequila”. En 2019 as XOCIVIGA (Xornadas de Cine e Video de Galicia) do Carballiño outorgábanlle a Mención de Honra  por “ser un referente para a profesión en Galicia, tanto no teatro como no audiovisual”. Hai só uns días que recibía o Premio Cinema Galego no FICBueu 2023.

O 29 de setembro recollerá un premio moi especial, desta volta en Ourense, da man da Fundación AISGE, que recoñece a súa traxectoria profesional. A Fundación AISGE é unha entidade sen ánimo de lucro constituida por AISGE (Artistas Intérpretes, Entidad de Gestión de Derechos de Propiedad Intelectual) en 2002 para o desenvolvemento entre outros fins, de actividades de carácter asistencial e promocional en beneficio de artistas intérpretes del medio audiovisual. O seu vínculo co OUFF desde hai cinco anos lega un extraordinario histórico de galardóns a actrices: Mabel Rivera (2018), María Bouzas (2019), Rosa Álvarez (2020), Luma Gómez (2021) e Mela Casal (2022).