José Luis López Vázquez

(Madrid, 1922 – 2009)
Actor de cine, teatro e televisión

Formouse como actor no Teatro das Organizacións Xuvenís e no TEU, pero tamén foi deseñador de vestiario e escenógrafo. En 1946 debutou como actor coa obra “O anticuario”, no Teatro María Guerrero; a súa carreira cinematográfica comezou en 1951. No cinema interpretou nun principio papeis cómicos facendo parella con Gracita Morais, pero cara aos anos sesenta empezou a actuar en películas dramáticas e chegou a aparecer en
máis de 200 longametraxes, dos que rodaba varios ao ano; en 1971 apareceu como actor en nada menos que once filmes. A maioría son comedias ao uso asinadas polos prolíficos directores José María Forqué, Pedro Lazaga e Mariano Ozores, pero outras veces son traballos de máis entidade para directores como Carlos Saura, Manuel Gutiérrez Aragón, Mario Camus, Juan Antonio Bardem, Marco Ferreri e Luís García Berlanga. Entre os seus traballos para o cinema destacan títulos como “Plácido”, O verdugo”, “Atraco ás tres”, “A curmá Angélica”, “A miña querida señorita”, “O bosque do lobo” e a triloxía de Patrimonio nacional, de Luís García Berlanga, con quen chegou a rodar dez películas. López Vázquez tamén interpretou mediametraxes; neste xénero foi o protagonista de “A cabina”, de Antonio Mercero, que gañou un Emmy en 1973. Tamén traballou con directores americanos ou francesas, como George Cukor en “Viaxes coa miña tía” (1972) ou Christian-Jaque en “As petroleiras”. En televisión, protagonizou as series “Este señor de negro” (1975-1976) e “Os ladróns van á oficina” (1993-1996).
Entre outros premios obtivo a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (1985), Premio Toda unha vida-José María Rodero (2001), Premio Nacional de Teatro (2002), Goya de Honra (2004), Medalla de Honra do Círculo de Escritores Cinematográficos (2005), Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo (1997) e a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2001). Faleceu o 2 de novembro de 2009 aos 87 anos tras unha longa enfermidade.

El bosque del lobo

PEDRO OLEA • España / 1970 / Drama

Sinopse

Benito Freire é un buhonero que vive miserablemente nun ambiente dominado pola ignorancia e a superstición. Dedícase á venda ambulante polos pobos galegos e padece severos ataques de epilepsia. Pola comarca empeza a estenderse o rumor de que é un home lobo e de que está posuído por un espírito demoníaco.

Ficha

Director: Pedro Olea. Guión/Guion: Pedro Olea, Juan Antonio Porto (basada en el libro de Carlos Martínez- Barbeito “El Bosque De Ancines”). Música: Antonio Pérez Olea. Fotografía: Aurelio G. Larraya. Montaxe/Montaje: José Antonio Rojo. Intérpretes: José Luis López Vázquez, Amparo Soler Leal, Antonio Casas, Nuria Torray, Alfredo Mayo. Duración: 87 minutos. Produtor/ Productor: Pedro Olea. Produción/Producción: Amboto P.C.