O periplo do Open Arms chega ata o OUFF con “Cartas mojadas” de Paula Palacios

Paula Palacios, directora de Cartas Mojadas
  • A directora asistiu onte á presentación no Ponte Vella, onde se celebrou un interesante coloquio co público ourensán

  • “A historia ten unha narración progresiva que vai de mal en peor, é dura, pero quería que fose así para que o espectador vise a realidade” afirmou

O cine como ferramenta de denuncia social. Paula Palacios presentou esta mañá a súa primeira incursión tras a cámara cunha longametraxe: “Cartas Mojadas”. O Festival de Cine de Ourense incorpora na súa Sección Oficial esta peza que recolle unha das misións máis dramáticas da ONG Open Arms, sendo ademais un dos cinco filmes dos 10 a competición dirixidos por mulleres.

“Á xente impáctalle máis a parte que sucede en terra que as que ven no mar. Hai unha parte que sucede en París, na que se ve como tratamos aos emigrantes que impacta moito porque o percibimos como algo máis próximo a nós” afirmou a directora. “No Festival de Málaga toda a xente me dixo que esta parte do documental lle sorprendera moito e aí está cumplindo a súa función, ten que molestar” comentou.

Paula Palacios estaba embarazada cando gravou a bordo do Open Arms e quedou moi impactada pola gran cantidade de bebés e de nais que había, “quería contar a súa realidade, as historias de separación que afrontan moitas mulleres con algúns dos seus fillos e de aí a parte das cartas tamén”. 

“Para min, a parte máis importante dun documentalista é sorprenderse pola súa propia historia e neste caso, fun moito máis alá do que tiña eu pensado no guión inicial” di a directora, con gran experiencia no mundo dos documentais. “A historia ten unha narración progresiva que vai de mal en peor, é dura, pero quería que fose así para que o espectador vise a realidade, o que pasa no mundo real” confirmou Palacios.

A documentalista tivo onte o seu primer contacto co público ourensán. Foi onte, na última proxección do día, cando a directora presentou o seu traballo na sala do Pontevella. Con este primer feedback por parte dos espectadores, Palacios afronta xunto ao resto dos filmes seleccionados na Sección Oficial a súa carreira cara o Calpurnia.

A historia do Open Arms

“Cartas Mojadas” chega a Ourense tras recibir o premio do público no Festival de Málaga cun traballo que supón un salto para Paula Palacios que despois de dirixir máis de vintecinco documentais para televisión, presenta a súa primeira longametraxe. As súas obras, sempre próximas a temas sociais, especialmente as migracións e as mulleres ten sido recoñecidas con anterioridades. En 2015, a súa película “ALI´ENS” foi nomeada como mellor documental nos Asian TV Awards. 

Milleiros de persoas cruzaron o Mediterráneo estes anos intentando chegar a Europa. Este documental narra, a través dunha misteriosa voz dende o fondo do mar, a epopeia máis tráxica da nosa historia contemporánea. Seguindo cartas escritas, de nais a fillos, a voz acompaña á nave da ONG Open Arms, na súa misión máis dramática, loitando por salvar a 550 persoas do naufraxio. Esquecendo que é unha historia real, a situación empeora cando a película nos leva a bordo dun buque da garda costeira libia.