O documental ‘José Ángel Valente. Escribir lugar’ repasa a vida do poeta ourensán

José Manuel Mouriño
  • A filla do escritor,  Lucila  Valente, asiste á proxección no Teatro Principal
  • O traballo do director José Manuel Mouriño contou co apoio da  Deputación de Ourense

 

Ourense, 28 de setembro– José Ángel Valente, Premio Príncipe de Asturias de Literatura en 1988, foi unha das figuras máis destacadas da literatura ourensá do século XX. Agora, é a voz que conduce o relato do documental José Ángel Valente. Escribir lugar, dirixido por José Manuel Mouriño e que se estrea no Ourense Film Festival (OUFF). A película proxéctase este martes no Teatro Principal, dentro do ciclo Cine e Literatura, coa asistencia, entre o público, da filla do poeta, Lucila  Valente.

Para José Manuel Mouriño, esta obra “non é un documental ao uso, xa que conta coa voz do propio Valente, extraída de distintos documentos sonoros valiosísimos. É unha road movie que vai de Ourense a Almería en termos poéticos”. 

José Ángel Valente. Escribir lugar é un ensaio en imaxes que emprega só a voz orixinal do poeta dialogada en dous espazos transcendentais da vida e da obra de Valente: Ourense, cidade natal e matriz dos seus recordos de infancia da posguerra, e Almería, o espazo definitivo cara ao que este poeta dirixiu a súa escritura durante os últimos anos da súa vida. O seu realizador, José Manuel Mouriño, traballou durante 4 anos no proxecto, que agora por fin ve a luz co apoio da Deputación de Ourense.