O OUFF 2019 celebrarase do 27 de setembro ao 5 de outubro

OUFF 2019
  • O festival repartirá polo menos 8 premios na súa Sección Oficial, tres deles de nova creación
  • Abriranse varias canles online para a recepción de películas que queiran participar
  • O Centro Cultural Marcos Valcárcel volverá a ser a sede do certame

 

A 24ª edición del Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) xa ten datas: celebrarase do 27 de setembro ao 5 de outubro de 2019 e terá de novo como sede o Centro Cultural Marcos Valcárcel.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobar as bases reguladoras do certame, elaboradas en colaboración coa Fundación Carlos Velo. Nelas tamén se establecen os premios do festival e as súas cuantías, que superan o 300% do presuposto destinado aos galardóns na edición anterior.

Así, o xurado da Sección Oficial de longametraxes decidirá as seguintes distincións:

  • Premio Calpurnia á mellor película, cunha dotación económica de 18.000 euros;
  • Premio Carlos Velo á mellor dirección, dotado con 4.000 euros;
  • Premio Especial do xurado, con 2.000 euros;
  • Premio ao mellor guión, novidade da 24ª edición e que contará cunha dotación económica de 2.000 euros;
  • Premio á mellor interpretación, tamén de nova creación e dotado con 2.000 euros.

Pola súa banda, a organización do festival entregará dous premios especiais:

  • Premio Galicia, dotado con 5.000 euros, para a mellor obra con produción ou coprodución galega exhibida durante o festival;
  • Premio Especial Eduardo Barreiros á mellor ópera prima española, estreada entre setembro do 2018 e setembro do 2019 e que contará cunha dotación económica de 2.000 euros. Este galardón tamén é de nova creación.

Por último, os espectadores que acudan ás proxeccións da Sección Oficial determinarán cos seus votos o Premio do Público, que recibirá 3.000 euros.

 

Recepción de películas a concurso

Na Sección Oficial de longametraxes da 24ª edición do OUFF poderán participar todas aquelas películas de ficción, animación e documentais que teñan unha duración superior a 60 minutos e que non se exhibiran nin editaran en España en salas públicas (salvo festivais), televisión, DVD, vídeo ou Internet con acceso libre antes do 27 de setembro de 2019.

A organización abrirá proximamente varias canles online para a recepción de traballos. Polo momento, as obras xa poden ser enviadas en formato físico (DVD ou Blu-Ray) á sede do festival no Centro Cultural Marcos Valcárcel (rúa Progreso, 30, 32003, Ourense). O prazo de recepción finaliza o día 15 de agosto de 2019. Unha comisión designada pola organización do festival será a encargada de seleccionar os traballos finais que participarán na competición.

Comeza así a conta atrás para a edición dun festival, o OUFF, que aspira a converterse nun dos certames referentes no panorama español.

Podes consultar as bases completas da Sección Oficial AQUÍ.