Chema Prado: a crónica fotográfica e vital dun referente do mundo do cinema, no 28º OUFF

O 28ª Ourense Film Festival (OUFF) abre boca cunha exposición na que viaxes, cidades, arte e nomes propios do cinema, compoñen a crónica fotográfica de Chema Prado (Rábade, Lugo, 1952), director de Filmoteca Española durante vinte e sete anos. “Series” é o título da exposición que se inaugura o próximo 14 de setembro ás oito da tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. Polaroid, Nada que perder, Cidades e Infraganti son os títulos das catro series que nos conducen pola experiencia vital e profesional de Prado en imaxes, na que o cinema e as viaxes, o amor pola arte e un extraordinario conxunto de figuras relevantes da industria coas que colaborou e trabou amizade, desfilan diante dos nosos ollos. A exposición “Series” de Chema Prado, presentada polo 28º Ourense Film Festival, organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio da Deputación de Ourense e a colaboración de Xunta de Galicia, poderá ser visitada no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o 12 de novembro.

Chema Prado é un referente para o sector cinematográfico desde hai décadas; non só en España senón no ámbito internacional, onde foi recoñecido e homenaxeado en diferentes foros e festivais. Iniciouse profesionalmente na Filmoteca Española no ano 1976 (entón denominada Filmoteca Nacional), con pouco máis de vinte anos, como responsable de programación; en 1989 era nomeado director da entidade, cargo que ocupou ata marzo de 2016. Pouco antes da súa retirada da entidade, en novembro de 2015, recollía na capital mexicana, representando á Filmoteca Española, o Premio Fénix pola Contribución á Cultura Cinematográfica de Iberoamérica. Colaborou como asesor no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián e participou como xurado nos Festivais de Cinema de Cannes, Sundance, Valladolid, Locarno, Los Ángeles, Montpellier, Guadalajara (México), La Habana, Miami, Rotterdam, Venecia e Berlín.

Durante a súa etapa como director da Filmoteca, esta asentouse no Palacio de Perales, como sede administrativa central; púxose en marcha o Centro de Conservación e Restauración da Filmoteca Español, en Pozuelo de Alarcón, e o cinema Doré converteuse en sala de programación permanente. Chema Prado recibiu ao longo da súa carreira numeros recoñecementos; xa en 1995 foi nomeado Chevalier deas Arts et deas Lettres da República Francesa; en Galicia, en 2004, recibiu a Medalla de Ouro da Academia Galega do Audiovisual, e en 2020 o Premio da Cultura Galega (Xunta de Galicia) na modalidade audiovisual. Durante os seus anos en Filmoteca Española, Prado levou a cabo un proceso de descentralización de actividades establecendo liñas de colaboración con outras filmotecas como a galega. Precisamente en 2019 a Filmoteca de Galicia rendía homenaxe ao que considera “amigo e mentor” co proxecto “’Vai e Vem. Carta Branca a Chema Prado” recoñecendo o seu apoio nas restauracións de patrimonio filmico galego e sendo un dos principais valedores no seu ingreso como institución asociada da Federación Internacional de Arquivos Fílmicos (FIAF).

“Series”: pantallas, reencadres, cineastas

Desde o 14 de setembro, o público que se achegue ao Centro Cultural Marcos Valcárcel, poderá gozar de catro series de fotos: Polaroid, Nada que perder, Ciudades e Infraganti. A fotografía foi un medio de expresión para Chema Prado desde hai décadas; xa en 1993 participa nunha primeira exposición colectiva xunto a Bigas Luna, Iván Zulueta e Jesús Garay. Desde entón as súas imaxes puidéronse ver en museos e galerías, sempre co ánimo de explorar a capacidade expresiva dos diferentes formatos fotográficos. Viaxes e festivais, paixón pola pintura e unha extensa rede internacional de colegas do sector cinematográfico son elementos que conforman a crónica visual de Prado. O que foi director de Filmoteca Española foi testemuña privilexiada en proxectos e rodaxes internacionais, trabando amizade con cineastas como o falecido Bernardo Bertoluccci ou John Malkovich, de modo que o público de Ourense atoparase na exposición “Series” con rostros moi coñecidos da gran pantalla como o do director Jim Jarmusch ou o do actor Javier Bardem.

Así, a serie Polaroid -Chema Prado posúe unha variada colección deste tipo de cámara- é a máis pictórica da exposición e mostra catro composicións, cada unha delas con máis de vinte imaxes, asi como corenta e nove fotos individuais, das que corenta e catro expóñense por vez primeira. Nada que perder é unha serie tomada na cidade de Madrid, con especial interese no edificio Torres Brancas de Saiz de Oiza e poderanse ver sete imaxes polaroid branco e negro ampliadas a gran formato. A serie Ciudades componse de fotos, tamén en branco e negro, de pequeno formato, tomadas cunha pequena cámara analóxica e que resultan ser unha sorte de “diario” de viaxes, de infinitos encontros e de vida. Atoparemos á xente do cinema: actores e actrices, directores, guionistas, etc, na serie Infraganti, imaxes “roubadas” xa sexa en actos públicos ou noutros de caracter íntimo, das que Prado trae a Ourense catorce delas. Andrés Mengs encárgase do deseño da exposición “Series” no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

“Nas fotografías de Chema Prado é fácil atoparse espellos, cristais, pantallas. Tamén é fácil atoparse sobreimpresións, fundidos, reencadres. E tamén, está claro, é fácil atopar directores, actrices, cineastas que contribuíron a crear ese universo de imaxes ao que se debe, ao que Chema nunca deixou de achegar a súa sabedoría”, apunta Luís Enrique Parés sobre a exposición de Ourense. Parés, director artístico de Cineteca Española, colaborador de diferentes festivais e divulgador desde o programa de RTVE “Historia do noso cinema”, tamén participará na apertura da exposición o próximo 14 de setembro xunto a Chema Prado. Parés considera que “poucas persoas poden ter un coñecemento máis global, máis completo, deses cento e pico anos que leva existindo un artefacto máxico que se chama Cinema”.

A exposición “Series” de Chema Prado, organizada polo 28º Ourense Film Festival e a Fundación Carlos Velo, co patrocinio da Deputación de Ourense e a colaboración de Xunta de Galicia, poderase visitar no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o 12 de novembro. O 28º OUFF terá lugar do 29 de setembro ao 8 de outubro.