O 28º OUFF celebrará o centenario da cineasta Ana Mariscal

Unha estudante de Ciencias cuxo obxectivo era ser catedrática en calquera instituto e que, finalmente, se convirtíó na primeira directora de cinema da posguerra española. O centenario da madrileña Ana Mariscal (Ana María Rodríguez-Arroyo Mariscal, 1923- 1995) chega ao 28º Ourense Film Festival, que lle dedica a súa sección Efemérides á directora de filmes como “Segundo López, aventurero urbano” e “El camino” (1960), consideradas hoxe xoias esquecidas da historia do cinema español e que se poderán ver no festival. Ademais, o OUFF recupera a mediometraxe “Misa en Compostela”, que Mariscal rodou en Santiago no ano 1953. Actriz de enorme popularidade nos anos 40 e 50, o seu recoñecemento como cineasta quedou ensombrecido pola adhesión ao regimen franquista, o mesmo que dificultou a distribución das súas mellores películas como directora. Na 28ª edición do OUFF, desenvolverase do 29 de setembro ao 8 de outubro, concederáselle o Premio Memoría Histórica do Cinema Español, que recollerá o seu fillo David García Rodríguez.

Durante a década dos corenta Ana Mariscal converteuse nunha actriz moi popular; apaixonada das matemáticas déixase convencer por unhas probas de fotogenia que a levarán á súa primeira rodaxe: “El último húsar”, de Luís Marquina, rodada nos Estudos de Cinecitta. Por este papel foi designada para protagonizar a película de Saénz de Heredia, con guión de Francisco Franco, “Raza” (1941) cando tiña dezasete anos. Nos anos 40 participaría en “La florista de la reina” (1940, Eusebio Fernández Ardavín), “Vidas cruzadas” (1942, de novo con Luís Marquina como director) ou “La princesa de los Ursinos” (1947, Luís Lucía), entre outros films. Sempre dixo que a súa mellor interpretación é a de “Un hombre va por el camino”, dirixida polo vigués Manuel Mur Oti e estreada en 1949; ese mesmo ano traballaría con outro director galego, de Ourense, Antonio Román, na película “Pacto de silencio”. Durante a rodaxe con Mur Oti, coñecerá o seu futuro marido, o director de fotografía, Valentín Javier, co que, en 1952, funda Bosco Films, que produciu catorce películas.

É en 1952 cando debuta como directora con “Segundo López, aventurero urbano”, película ambientada nun Madrid destruído pola guerra e na que introduciu un neorrealismo á española. A Xunta de Clasificación e Censura cualificouna “ de terceira” condenando o filme a unha mala distribución, de modo que a directora -no seu coche-, xunto ao seu marido, -en motocicleta-, comezan a mover a cinta en cidades e vilas. En Galicia o periplo comezou pola Coruña, Santiago e Vilagarcía de Arousa; seguiría por Rianxo, Ferrol e, xa na provincia de Ourense, polo Carballiño, a cidade de Ourense -foi presentada no cinema Xesteira-, Ribadavia, Xinzo e A Rúa, entre outras localidades. Nestas presentacións acompañábaos Martín Ramírez, o neno actor que coprotagonizaba a película con Severiano Población, que encarnaba o papel de Segundo López. Do periplo galego de “Segundo López, aventurero urbano” sairía un novo traballo de Mariscal: a mediometraxe ’Misa en Compostela’, que se estreou no Teatro Principal compostelán en xaneiro de 1954 e que se poderá ver na edición 2023 do OUFF.

Este ano presentouse a restauración de “Segundo López, aventurero urbano”, un traballo impulsado por David García Rodríguez, fillo da directora, que estará en Ourense para recoller o Premio Memoría Histórica do Cinema Español. O filme, considerado hoxe en día un dos máis relevantes da historia da cinematografía española, poderá verse no festival.

Como directora, Mariscal rodaría dez longametraxes; o punto álxido da súa carreira sería “El camino”, baseada na novela de Miguel Delibes, da que ela detectou as súas posibilidades cinematográficas e coa que de novo volvería ter dificultades coa censura. Tanto “Segundo López” como “El camino” achegan un retrato social de España no que pobreza e desarraigamento son elementos determinantes; en ambas o enfoque humanista da directora é evidente. En 2021 o Festival de Cannes incluíu “El camino” na súa sección Cannes Classics co lema “a xoia esquecida do cinema español”. Tres anos antes o escritor e cineasta británico Mark Cousins estrearía a serie “Women make films” -en España, en Filmin-no que ela é a única cineasta española incluída.

Mariscal asinaría, tras as cámaras, títulos como “Feria de Sevilla” (1960), de corte folclórico, “Vestida de novia” (1966), interpretada por Massiel, ou “Con la vida hicieron fuego”, a súa segunda película que non puido estrear ata 1960, baseada na novela de Jesús Evaristo Casariego na que se abordaban as consecuencias da guerra de 1936 con personaxes de ambos bandos. “El paseillo” (1968) foi o último título producido por Bosco Films, tras o cal a produtora pecha as súas portas e Ana Mariscal deixa a dirección de cinema para dirixir os seus pasos á docencia.

Literatura, teatro e aulas
Directora, produtora, guionista, actriz, profesora. Ana Mariscal é unha figura singular na historia do cinema español. Tamén no teatro co que sempre sentiu comprometida; en 1945 foi a primeira muller que interpretou o papel de Don Juan Tenorio. En Valladolid, nas sesións de noite poñíase na pel de Dona Inés e nas de tarde na de Don Juán, o cal causou balbordo na época. En Arxentina, onde viviu entre 1954 e 1956 co seu marido, dirixiu por vez primeira teatro, e interpretou para televisión obras de García Lorca como “Yerma”, “Bodas de sangre”, “Doña Rosita la soltera” e “La casa de Bernarda Alba”. Ela coñecera ao escritor granadino pola amizade deste con Luís Arroyo, o seu irmán. En 1981 dirixiu a obra de teatro “Los muertos”, de Max Aub -autor exiliado falecido en México en 1972- no Centro Cultural da Vila de Madrid. Nos seus últimos anos dedicouse a escribir: Cincuenta años de teatro en Madrid, en 1984, e Hombres, novela que censuraran en 1943 e que finalmente publicou en 1992. Habitual dos festivais de cinema e cunha gran vocación divulgadora, Ana Mariscal tamén impartiu clases de interpretación na Escola de Cinematografía. Un ano antes do seu falecemento en 1995, recibira a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes.

Foto: Rodando “Misa en Compostela” @Bosco Films

O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo e patrocinado pola Deputación de Ourense.