-
No ciclo de Cine Familiar poderán verse dúas películas: Cuñados e Earwig y la bruja
-
As invitacións repartiranse coas compras que se fagan nos establecementos do Centro Comercial Aberto
Ourense, 17 de setembro – O Centro Comercial Aberto Ourense Centro xunto co OUFF (Ourense Film Festival) organizan, novamente, o ciclo de Cine Familiar durante a nova celebración do festival. Carmen Leyte, presidenta da Fundación Carlos Velo, xunto con Aurelio Gómez Villar, director técnico do OUFF, e Luis Rivera, presidente do CCA, e foron os encargados de dar a coñecer esta mañá tódolos detalles sobre as proxeccións, que terán lugar no Auditorio durante a primeira fin de semana do festival.
Aurelio Gómez Villar destacou que “o festival non consiste só en proxectar películas, son moitas as actividades que conleva. Unha delas é esta colaboración cos comerciantes de Ourense, unha campaña que estou seguro que vai a funcionar moi ben. Trátase de crear estrutura, ao igual que cos hoteleiros e hostaleiros e co resto do tecido empresarial, xa que é a demostración de que o festival debe xerar un beneficio económico para a cidade”. Luis Rivera, pola súa banda, quixo “agradecer ao OUFF por volver a contar con nós. O comercio do centro de Ourense ten unha tradición fílmica bastante importante; os seus escaparates foron secundarios cando rodou José Luis Cuerda ou en A Esmorga”. A presidenta da Fundación Carlos Velo, organizadora do festival co apoio principal da Deputación de Ourense, Carmen Leyte aproveitou para sinalar que se trata de que “a cidade se implique co festival e aquí as familias son moi importantes. Agradezo ao Centro Comercial Aberto a súa colaboración porque ademais os comercios son os que manteñen a vitalidade das rúas de Ourense”.
As dúas películas que se proxectarán serán Cuñados e Earwig y la bruja. O sábado 25 de setembro ás 12 horas será a oportunidade de ver Cuñados, de Toño López, un filme rodado integramente en Ourense e no que as risas están aseguradas con Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez e Eva Fernández. O domingo, no mesmo horario, será a quenda de Earwig y la bruja, o último filme de animación de Studio Ghibli. Nesta película cóntase a historia de Earwig, unha nena orfa que ten a habilidade de conseguir que os demais fagan o que quere, pero todo cambia cando a adoptan.
Para conseguir invitacións, tan só hai que acudir aos establecementos do CCA Ourense Centro. Con cada compra realizada os clientes recibirán unha invitación, válida por unha entrada para un neno e unha para un adulto. Esa invitación deberá ser canxeada polas entradas para a película que se escolla (ata fin de aforo) nun stand que estará instalado na rúa do Paseo a partir do día 18 de setembro.