María Bouzas, premio AISGE
Pola súa dilatada traxectoria dramática no teatro, no cine e na televisión, xa ampliamente recoñecida con numerosos galardóns, e porque desde 2011 encabeza o reparto dunha das series máis lonxevas da televisión en España, “El secreto de Puente Viejo”, María Xosé Rodríguez Bouzas (Mugardos, A Coruña) recibe o premio AISGE de honra na 24ª edición do OUFF.
A actriz iniciouse no mundo do teatro dándose a coñecer co Centro Dramático Galego e na “Compañía de María”, que fundou con María Pujalte. De aí, deu o salto á televisión, medio no que ten actuado como presentadora e actriz, protagonizando a serie “Terra de Miranda”. No cine participou en curtametraxes como “A ti como se che di adeus” e en longametraxes como “Arde amor” ou “Sei quen es”.
Foi presidenta da Academia Galega do Audiovisual entre o 2006 e o 2009. Estudou na Escola Superior de Arte Dramática de Madrid entre 1983 e 1987.
Recibiu entre outros galardóns varios premios Agapi, María Casares e Mestre Mateo, o premio honorífico Chano Piñeiro, o galardón a mellor actriz na XIII Mostra de Cine Latinoamericano de Lleida por “Abrígate”, o Premio da Cultura Galega Artes Escénicas en 2015 e o Premio de Honra “Fernando Rey” da Academia Galega do Audiovisual á Mellor actriz galega o ano pasado.