OUFF Escola
BASES OUFF ESCOLA 2020
A Concellaría de Educación do Concello de Ourense en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca o XI Certame de Cinema OUFF Escola. O Certame de Cinema OUFF Escola nace co obxectivo de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico.Este certame pretende, así mesmo, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas. Esta iniciativa encádrase como ferramenta dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que procura dar formación á mocidade sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual.
“Facer cine en Galicia é posíbel. Facer cine en galego é necesario, calquera cultura que queira sobrevivir precisa do cine”.
Chano Piñeiro
1. FINALIDADE DA CONVOCATORIA
O obxectivo desta convocatoria é regular o procedemento de aceptación e participación de proxectos audiovisuais no XI Certame de Cinema OUFF Escola convocado polas devanditas entidades.
2. PARTICIPANTES
Poderá participar centros educativos públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2019-2020, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan materias en lingua galega. A participación realizarase sempre baixo a titoría dun profesor ou profesora responsábel do proxecto.
3. CATEGORÍAS
Estabelécense dúas categorías:
A) Infantil e primaria
B) Outros niveis de ensino non universitario (agás as escolas oficiais de Imaxe e Son)
4. CARACTERÍSTICAS DAS OBRAS AUDIOVISUAIS
As obras deberán cumprir os seguintes requisitos:
Todos os traballos estarán en lingua galega.
Deberán ser orixinais ou adaptacións, non comercializados, e non presentados con anterioridade a este certame.
Modalidades: ficción, documental, animación.
Duración: até 20 minutos, créditos incluídos.
A temática será libre.
Quedarán excluídos aqueles traballos que inciten ao racismo, xenofobia, homofobia e calquera tipo de violencia, así como os que atenten contra a dignidade da persoa.
As obras presentaranse en formato dixital.
Cada traballo non deberá conter máis dunha obra e deberá estar en perfecto estado para a súa proxección.
Cada obra irá identificada co título, a duración e o centro de ensino de procedencia.
De apareceren menores de idade, deberán contar coa autorización paterna e/ou materna.
Calquera apropiación indebida de dereitos de autor –imaxe e son- ou incumprimento das bases desta convocatoria é responsabilidade directa do profesor/a ou titor/a.
Todo o proceso de creación da película (interpretación,dirección,guión) deberá ser realizado polo alumnado ou membros da comunidade escolar.
5. INSCRICIÓN NO CERTAME
A inscrición formalizarase enviando o cuestionario que aparece na sección de OUFF Escola das páxinas web www.educacionourense.com ou www.ouff.org antes do 6 de xullo 2020, totalmente cuberto e asinado polo profesor ou profesora responsábel do audiovisual.
Estas inscricións enviaranse ao seguinte enderezo:
Concello de Ourense
(OUFF Escola)
Praza Maior, 1
32005 – Ourense
Para a recepción dos traballos facilitaráse un link privado da película e a súa clave de visionado a través de vimeo ou semellante que se enviará ao correo eléctrónico: ani.cacabelos@ourense.es
6. XURADO
O xurado estará composto por 5 persoas. Tres membros do xurado serán nomeados pola Concellería de Cultura e dous membros serán nomeados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os membros do xurado valorarán os seguintes criterios:
Calidade da obra
Orixinalidade do argumento
Autenticidade e calidade no uso da lingua
Potenciación de valores democráticos e de tolerancia
Uso creativo das novas tecnoloxías e das ferramentas de software libre
A DECISIÓN DO XURADO SERÁ INAPELÁBEL
As curtametraxes premiadas serán publicadas nos seguintes enderezos web:
www.ouff.org
www.xunta.es/linguagalega/equipos_de_normalizacion_linguistica
www.educacionourense.com
7. PREMIOS
OUFF Escola concederá os seguintes premios:
Categoría A
1.º Premio: seiscentos euros (600)para o centro educativo.
2.º Premio: catrocentos euros (400) para o centro educativo.
3.º Premio: douscentos euros (200)para o centro educativo.
Premio Blanco Amor ao Mellor Guión: trescentos euros (300)para o centro educativo.
Categoría B
1.º Premio: seiscentos euros (600)para o centro educativo.
2.º Premio: catrocentos euros (400)para o centro educativo.
3.º Premio: douscentos euros (200)para o centro educativo.
Premio Blanco Amor ao Mellor Guión: trescentos euros (300)para o centro educativo.
A entrega de galardóns realizarase no marco do 25º Festival de Cine Internacional de Ourense, no cal se proxectarán os traballos gañadores nas salas cinematográficas vinculadas ao Festival.
Todas as obras presentadas recibirán un certificado acreditativo da súa participación. Non se concederán premios ex aequo. De estimar o xurado que os traballos non reúnen a calidade suficiente, os premios poderán ficar desertos.
INFORMACIÓN ADICIONAL
A inscrición no XI Certame de Cinema OUFF Escola implicará a total aceptación destas bases polos participantes. A interpretación destas, así como outros aspectos que poidan xurdir sen estaren contemplados nestas bases, serán competencia exclusiva da organización do Certame.
O Concello de Ourense resérvase o dereito de poder exhibir os audiovisuais inscritos, con fins educativos e culturais, non comerciais e sen ánimo de lucro, en actividades como ciclos, cursos de cine, xornadas de promoción e outros.