O OUFF Escola entrega os premios da súa VIII edición

O OUFF Escola entrega os premios da súa VIII edición
24/10/2017 ouff

 

  • O certame está concibido para impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo.
  • Nesta edición recibíronse un total de 74 pezas nas que participaron máis de 2.000 alumnos e alumnas.

Esta mañá celebrouse a gala de entrega de premios da VIII edición do OUFF Escola no Auditorio Municipal de Ourense. Este certame, convocado pola Concellaría de Cultura do Concello de Ourense, Normalización Lingüística e o OUFF, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, naceu co obxectivo de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico. O OUFF Escola pretende, así mesmo, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas.

Nunha edición na que participaron 74 pezas nas que colaboraron máis de 2.000 alumnos e alumnas, o xurado do OUFF Escola formado pola cineasta Ángeles Huerta, Gregorio Ferreiro -asesor técnico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia-, o director Héctor Domínguez-Viguera Queija, a actriz Sara Casasnovas Manoli Maseda -coordinadora territorial dos equipos de dinamización lingüística da provincia de Ourense- decidiu premiar os seguintes traballos audiovisuais:

CATEGORÍA: INFANTIL OU PRIMARIA

  • 1º Premio da Categoría de Infantil ou Primaria é para “Quero un patio novo” do CEIP Coirón Dena. (600 euros para o centro)
  • 2º Premio da Categoría de Infantil ou Primaria é para “Conversas en lata” do CEIP Torre Illa. (catrocentos euros para o centro)
  • O Premio ao mellor guión é para “Árbores no camiño” do CEIP Eduardo Pondal. (300 euros para o centro)

 

CATEGORÍA: OUTROS NIVEIS DE ENSINO NON UNIVERSITARIO

  • 1º Premio da Categoría de Outros niveis de ensino é para “Verba” do IES Macías o Namorado.  (600 euros para o centro)
  • 2º Premio da Categoría de Outros niveis de ensino é para “Algo pasa en Guitiriz” do IES Poeta Díaz Castro. (400 euros para o centro)
  • O Premio ao mellor guíon é para “O rumor” do IES Santiago Basanta Silva. (300 euros para o centro)

Ademais, tamén quixeron facer unha mención especial polo seu traballo ao IES de Arzúa.

Información ampliada sobre as actividades do OUFF Escola:

Este ano, o OUFF Escola ofertou catro obradoiros entre os que se atopan dous cursos de dobraxe e un de efectos especiais para nenos e nenas. Os cursos de dobraxe estarán impartidos Suso Pando e Manuel Pombal, consagrados actores da escena galega, que se centrarán especialmente no ámbito dos filmes de animación e, ademais de aprender os rudimentos da arte da dobraxe, servirá para que melloren a súa competencia en lingua galega. Un deles xa tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o día 23 ás 11:00 (para nenos e nenas de Educación Primaria) e o próximo celebrarase mañá, día 25, tamén ás 11:00 (para alumnado de Secundaria).

O terceiro dos cursos será o de efectos especiais para nenos, impartido polo experto arxentino Federico Ransenberg. Nesta actividade, os nenos e nenas poderán aprender que é un efecto especial e a importancia do punto de vista e os recursos cinematográficos á hora de crealos. Será o día 27 ás 11:00 no Museo Municipal de Ourense.

A actividade infantil aberta para público xeral desta edición é o obradoiro de achegamento ao cinema, que terá lugar o venres 27 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel. O obradoiro organizarase nun grupo de 5 a 8 anos e outro de 9 a 13, con actividades diferentes para cada un deles. A intención é ofrecer un punto de entrada ao cine de xeito lúdico e ameno, co que poidan entrar en contacto con algúns elementos técnicos e narrativos pero tamén aprender a colaborar e coñecer a súa contorna. Os nenos e nenas de 5 a 8 anos realizarán o proxecto cinematográfico “Cóntanos un conto”, para o que deberán traer un disfraz. Os pais e nais participantes deben gravar previamente un plano fixo contando un conto aos seus cativos na súa habitación antes de durmir. Estes contos serán empregados despois como punto de partida para a reelaboración de historias, a creación cinematográfica e un achegamento ao uso do croma. O grupo de 9 a 13 anos realizará un proxecto de tipo documental chamado “Historias da nosa cidade”, no que deberán investigar sobre as súas zonas favoritas e aplicar a elas a imaxinación aplicada previamente á invención de sucesos extraordinarios.

Ademais, como cada ano, tamén terán lugar proxeccións pensadas exclusivamente para centros educativos, nesta edición proxectarase o filme Tesoros (de María Novaro) e Tout en haut du monde (de Rémi Chayé).