Marília Rocha

Marília Rocha

O cinema de Marília Rocha equilibra a intimidade e a éxtase visual coa complexidade ensaística. En Aboio (2005), a súa ópera prima, Rocha descobre tradicións, poesías e cancións de gandeiros brasileiros. A película granulada en branco e negro evoca unha atmosfera mítica e nostálxica, mentres que as imaxes en cor sinalan unha ruptura abrupta co pasado, nunha época de rápida modernización.

A segunda película de Rocha, Acácio (2008), é unha meditación sutil sobre a natureza das imaxes como rexistros do “outro”. Rocha volve sobre os pasos dun colono portugués que pasou case 30 anos en Angola, producindo unha vasta colección etnográfica antes de trasladarse a Brasil. Nestas transicións atópanse múltiples tensións entre raza, poder e identificación, comúns á non ficción desde o Nanook de Flaherty, ou á etnografía temperá.

A terceira película de Rocha, A Falta Que Me Faz (2009), céntrase nun grupo de vinteaneiras na rexión mineira de Diamantina. Sería fácil dicir que estas mulleres pasan da inocencia á madurez en cuestión de meses, tal e como Rocha capta o cambio das estacións, e dúas delas quedan embarazadas.

De feito, coinciden a inocencia e a dolorosa madurez; o mundo circundante está manchado pola violencia e a angustia soterrada. Baixo unha delicada capa de alegría, a maternidade é unha abstracción e o matrimonio simboliza unha perda de liberdade -un contraste sorprendente coas visións idealizadas do amor romántico que permean o folclore local e a cultura popular.

A cidade onde envelheço (2016), estreada en Róterdan, é a primeira ficción de Rocha, inspirada por mozos inmigrantes portugueses na súa cidade natal, Belo Horizonte. Teresa (Elizabete Francisca) chega de Portugal para quedar coa súa amiga, Francisca (Francisca Manuel). As dúas xestionan relacións e traballos en plena crise económica mundial. Rocha usa unha frase do poeta brasileiro Paulo Mendes Campos, “Que difícil é explicar as cousas, cando a liberdade nos infunde o seu reino de incerteza”, como clave para explorar a complexidade da identidade gobernada polas circunstancias.

Ela Bittencourt