Os modelos de financiamento cinematográfico arxentino e galego a xuízo no #22OUFF

Os modelos de financiamento cinematográfico arxentino e galego a xuízo no #22OUFF
22/10/2017 ouff

Nos últimos tempos teñen aparecido varias controversias en torno á xestión do INCAA, o Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales de Arxentina, con fortes diverxencias en torno ao cambio no modelo de financiamento público (para promover os filmes máis industriais) e incluso acusacións de corrupción aos responsables do Instituto.

Arredor desta idea o OUFF organizou esta mañá no Café & Pop Torgal un encontro moderado pola cineasta Ángeles Huerta que contou coa presenza de tres directores de Arxentina que realizaron longametraxes sen a axuda de fondos públicos: Florencia Romano (directora de La noche polar), Alejo Moguillansky (director de La vendedora de fósforos e membro de El Pampero Cine) e Mariano Llinás (cineasta, membro de El Pampero Cine e protagonista dun dos focos desta edición do Festival).

Na xuntanza, á que asistiu unha considerable parte do audiovisual galego e a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, explicaron os seus casos particulares a súa visión á hora dirixir dun xeito independente manténdose á marxe da financiación pública. Os tres cineastas falaron sobre a maneira en que financian os seus proxectos neste momento crítico de precarización do traballo e as diferentes motivacións que os levan a crear. Se para Florencia Romano foi “un traballo que naceu froito dunha materia na escola de cine que despois decidimos retomar pola nosa conta de xeito colaborativo, facendo todo o traballo entre sete persoas e con 15.000 pesos”, para Mariano Llinás e Alejo Moguillansky -de El Pampero Cine- “crear pode facerse rexidos polo propio desexo de facelo e non polo diñeiro”. Defendendo un modelo de traballo horizontal e altruista o propio Llinás apuntou que “en El Pampero hai un esquema concéntrico. Canto máis se achega ao centro, menos acceso hai ao diñeiro en metálico”.

O debate valeu para trazar paralelismos e diferenzas entre o cine independente analizado dende o contexto arxentino e o galego, que achegaron posicións finalmente ao chegar á conclusión de que, para crear ás marxes do financiamento institucional, o modelo pasa por formar grupos de traballo que sexan capaces de funcionar a modo de cooperativa.

A continuación, deixámosvos unha pequena escolma dalgunhas das declaracións que poidemos escoitar:

“Para min hoxe o cinema independente é cinema que se fai sen produtores, pero non sen xefes de produción”, Mariano Llinás.

“O problema está en pensar que vas estar á marxe da institución e respectas despois os mesmos roles cos que funciona a institución”, Florencia Romano.

“Por que falamos de precarizar cando hai persoas que se xuntan libremente para crear? Estaba Flaubert precarizando o seu traballo cando escribiu Madame Bobary?”, Alejo Moguillansky.

“É moi difícil facer cinema sen cobrar e non ter a sensación de que precarizas o traballo dos demais”, Ángeles Huerta.

“Industria non significa cinema e director non significa ser profesional se non podes exercer a túa profesión”, Mariano Llinás.

Proxeccións da tarde

A tarde continuou coa proxección de La flor, 1º parte (ás 17:00 nos Cines Ourense PonteVella-Galicine coa asistencia de Mariano Llinás, o director);  a proxección de Una vez fuimos salvajes (ás 19:30 nos Cines Ourense PonteVella-Galicine, coa asistencia de Carmen Bellas, directora); a Sesión con obras de Jeannette Muñoz (ás 19:30 no Cineclube Padre Feijoo coa asistencia de Jeannette Muñoz, directora) e a proxección de Vermelho russo (ás 22:15 nos Cines Ourense PonteVella-Galicine, coa asistencia de Charly Braun, director).